Sucédense as denuncias polo “colapso” das urxencias en hospitais galegos

imaxe dun corredor do 'Arquitecto Marcide' esta semana

“Un servizo de urxencias totalmente desbordado, coas persoas doentes “aparcadas” nos corredores e os boxes.  Esta é a sanidade –seica modélica- que nos oferece Feixoo en pleno século XXI”. A denuncia nas redes sociais dun usuario do hospital ferrolán Arquitecto Marcide ía acompañada dunha foto onde se vían varias padiolas ocupadas nun dos corredores do servizo.

Unha denuncia que se suma a outras que, desde hai semanas, van alertando do “colapso” e “saturación” dos servizos de urxencias de varios hospitais galegos.

Esta mesma semana foi a Comisión de Centro de Atención Hospitalaria quen denunciaba o “colapso” do servizo de Urxencias do CHUAC. “Normalizouse que haxa pacientes amoreados nos corredores”, sinalaban.

A Comisión de centro lamenta que non só “non se aumenta persoal”, senón que cando aumenta a afluencia de pacientes, “a Xerencia non reforza o servizo cos profesionais necesarios”.

A maiores, engaden no comunicado, “a mala xestión por parte da Xerencia nas contratacións, leva a unha escaseza de profesionais que implica que o propio persoal do servizo renuncie as súas libranzas para poder dar a atención oportuna”.

A principios deste mes, CIG-Saúde denunciaba a situación de “saturación” que atravesa o HULA de Lugo “pola falta de camas de hospitalización” mentres, afirman, hai unha planta do hospital pechada con 34 camas.

Cómpre lembrar que na Galiza temos poucas camas hospitalarias —apenas 3 por cada mil habitantes— se nos comparamos co promedio da UE —por volta de 5— ou se temos en mente as recomendacións da OMS —entre 8 e 10. Mais a situación aínda é peor no verán

O pasado 27 de maio, Día Internacional da Medicina de Urxencias e Emerxencias, os médicos de Urxencias reivindican un servizo esencial saturado polos recortes na Atención Primaria.