O subdelegado do Goberno sobre a operación que acabou co policía galego morto: "Foi eficaz"

Lugar onde foi abatido o policía galego en Burgos (Foto: Tomás Alonso / Europa Press).
O axente galego, que estaba de baixa psicolóxica e estaba investigado tamén por asuntos internos, "inmerso nun asunto de narcotráfico", foi abatido nunha gasolineira de Villagonzalo Pedernales.

O policía nacional que roubou unha arma na comisaría de Lonzas, na Coruña, e que foi abatido en Burgos tras iniciarse o seu seguimento na Galiza efectuou numerosos disparos "tirando ao home", segundo confirmou o subdelegado do Goberno español en Burgos, Pedro de la Fuente.

O axente, que estaba de baixa psicolóxica e estaba investigado tamén por asuntos internos, "inmerso nun asunto de narcotráfico", foi abatido nunha gasolineira de Villagonzalo Pedernales.

De la Fuente congratulouse de que no intercambio de disparos non resultase ferido ningún dos integrantes do operativo integrado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, aínda que lamentou o desenlace cun falecido. Sobre a operación, Dela Fuente cualificouna de “eficaz”.

Fontes policiais confirmaron que este axente, que tiña a súa residencia en Ferrol -aínda que nunca estivo destinado nesta cidade- fora denunciado por unha parella anterior por suposta violencia de xénero. Ademais, tamén se viu implicado nun tiroteo por unha cuestión de drogas nunha discoteca de Narón.

Disparos

"Houbo serio risco para a vida dos axentes, pero congratúlome de que non houbo que lamentar ningún ferido entre os membros do operativo", insistiu De la Fuente, quen, en calquera caso, cualificou o ocorrido de "feito tráxico porque supón a perda dunha vida".

Respecto do desenvolvemento dos feitos, o subdelegado si apuntou que o axente falecido estaba de baixa e estaba "inmerso nun tema de narcotráfico", de aí, como supuxo, que "todo se precipitou debido a que xa fora detido e os últimos compases non auguraban nada bo para un futuro próximo".

De la Fuente enxalzou tamén a forma na que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, nun operativo conxunto, perseguiron o axente desde a Galiza, onde se atopaba destinado na Comisaría de Lonzas da Coruña, e como o localizaron a través das cámaras situadas na estrada, xa en Burgos.

Á altura de Tardajos produciuse un primeiro intercambio de disparos e, máis tarde, a fuxida concluíu na gasolineira de Villagonzalo Pedernales co abatemento do fuxido.

"Foi unha operación rápida, complexa e efectiva", sentenciou o subdelegado do Goberno en Burgos.