Un policía mata nunha gasolineira de Burgos un axente galego perseguido por roubar unha arma na comisaría da Coruña

Un coche da Policía Nacional (Foto: Europa Press).
O falecido acudiu á comisaría na cal estaba destinado para realizar un trámite administrativo en relación coa súa situación laboral. Posteriormente, dirixiuse aos vestiarios do persoal, "momento que aproveitou para subtraer a arma doutro policía forzando o armario onde estaba gardada".

Un axente da Policía Nacional de 46 anos natural da Galiza morreu na madrugada desta cuarta feira nun tiroteo coas forzas da orde nunha gasolineira de Villagonzado-Pedernales, en Burgos. Trátase dun axente destinado nunha comisaría da Coruña, onde a pasada terza feira roubou unha arma.

O falecido atopábase inmerso nunha investigación de asuntos internos pola que se lle retirou a arma. E segundo informa a Delegación do Goberno español na Galiza, o finado estaba de baixa psicolóxica e desde esta terza feira, 18 de abril, pasara a segunda actividade "por insuficiencia de aptitudes psicofísicas", unha situación, con todo, que estaba pendente de notificar.

O falecido acudiu á comisaría na cal estaba destinado para realizar un trámite administrativo en relación coa súa situación laboral. Posteriormente, dirixiuse aos vestiarios do persoal, "momento que aproveitou para subtraer a arma doutro policía forzando o armario onde estaba gardada".

Ao decatarse este axente da subtracción da súa pistola púxose en marcha un "amplo dispositivo" para a súa localización, "xa que se tiña a certeza de que o agora falecido era o responsábel do roubo e que fuxira por estrada nun vehículo", aseguran as mesmas fontes.

O Centro Operativo de Servizos (COS) da Garda Civil de Burgos recibira un aviso procedente da Policía Nacional no cal se comunicaba que unha persoa armada se dirixía a Burgos pola estrada A-231 e cando se puido determinar a súa posición, perto da capital burgalesa, por parte da Garda Civil e da Policía Nacional desta provincia estabeleceuse un dispositivo operativo para interceptalo antes da súa chegada á cidade. Os axentes déronlle o alto, pero fixo caso omiso e disparou sobre eles.

Segundo relatan as mesmas fontes, este home, de 46 anos, continuou a súa fuxida até unha estación de servizo próxima, na localidade de Villagonzalo Pedernales, onde, tras disparar por segunda vez sobre os axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, resultou falecido ao ser alcanzado polas balas ao redor das 4 horas.

A Delegación do Goberno precisou que aínda que se produciron varios impactos de bala nos vehículos oficiais, "ningún dos axentes das forzas e corpos de seguridade do Estado de servizo [que estaban perseguindo o galego] resultou ferido".

As dilixencias que instrúe a Garda Civil foron declaradas secretas pola autoridade xudicial.