Acusan de "atentado" a estudantes de Vigo que participaron na folga estudantil do 20F

[CC BY-NC-ND GZ-Videos]

A Subdelegación do goberno atribúelles delitos de "desordes públicas, atentando, danos e lesións". @s estudantes, menores de idade, afirman que foron identificad@s "unha hora despois" do remate da manifestación. 

 

Hai perto dun mes a Subdelegación do goberno español en Galiza comezou a remitir denuncias até a 8 estudantes que tomaron parte na manifestación decorrida en Vigo o 20 de febreiro con motivo da folga estudantil convocada polas organizacións nacionalistas. 

Segundo o escrito recibido por dous estudantes --ao que tivo acceso Sermos Galiza-- a institución atribúelles delitos de "desordes públicas, atentado, danos e lesións" e cítaos a declarar nos Xulgados de Pontevedra. 

Segundo informou a este medio un dos estudantes denunciados (que responde ás siglas A.L.P) a denuncia devén das identificacións policiais acontecidas após o remate da manifestación. O estudante, menor de idade, e unha compañeira súa dirixíanse de camiño á súa morada "unha hora despois" cando foron interceptad@s por "dous policías de secreta" que lles requeriron a documentación. 

"Ao rematar a manifestación todos nós quedamos polo Náutico a dar unha volta, iamos cara á casa unha hora despois e dous da secreta paráronnos e pedíronnos a documentación"

"Non fixemos nada"

A.L.P. asegura que están "alucinados" polos delitos que se lles imputan xa que "non fixemos nada", afirma en declaracións a Sermos Galiza. Xunto a el@s, as organizacións estudantís cifran en 8 persoas máis as que recibiron a notificación xudicial. "A miña compañeira ten problemas de corazón", explica A.L.P. "polo que non pode correr e é imposíbel que puideramos cometer un atentado", acrecenta. 

Até o momento, @s estudantes descoñecen "o que nos piden" pois a notificación só sinala que "axiña seremos citados a declarar" mais, afirma A.L.P. "ulímonos que nos caerá unha multa". Neste senso, @s moz@s indican que "non contamos con moito diñeiro como para afrontar unha multa". 

Retencións e requisamento de bandeiras

Cumpre lembrar que nas manifestacións convocadas con motivo da folga estudantil producíronse confrontacións entre estudantes e policías fronte o edificio da Xunta en Vigo, onde chegaron a se producir cargas policiais contra @s manifestantes.

Tamén na cidade de Pontevedra se produciu a detención de catro persoas, menores de idade, que foron levadas a comisaría á espera de seren recollidas por familiares. Segundo informaron naquela altura diversas testemuñas a Sermos Galiza, un dos estudantes foi multado con 7.000 euros por portar petardos no momento da súa identificación. 

En Ourense, a policía española requisou bandeiras @s manifestantes argüíndo que a lei non permite portar paos pola rúa e en Compostela sucedéronse diversos incidentes após un grupo de persoas rebentar o cristal dunha céntrica entidade financeira e algúns caixeiros automáticos durante o percorrido da mobilización.