Stop-Despexos alerta á cidadanía do posíbel desafiuzamento de Elisabeth Sanlés

Concentración para evitar o despexo de Elisabeth

Aseguran que o xulgado podería datar o lanzamento para finais do mes de novemebro e denuncian o desinterese das administracións e a xustiza na procura de solucións.

 

O despexo de Elisabeth Sanlés foi freado pola acción popular o pasado mes de outubro. Con tres crianzas ao seu cargo e uns ingresos de pouco máis de 400 euros ao mes esta muller estivo a piques de perder a súa morada por adebedar o pagamento do aluguer. 

A mobilización cidadá e o labor de Stop-Despexos permitiu que finalmente Elisabeth puider ficar no seu domicilio mais non que a xustiza paralizase o procedemento. No entanto, os servizos sociais do Concello da Coruña e a consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza comprometéranse a procurar unha solución satisfactoria ao caso de Elisabeth. Porén, denuncian desde Stop-Despexos, após un mes "foron incapaces de xestionar non só unha solución particular no caso concreto de Elisabeth, senón tampouco a posta en marcha de medidas dirixidas" a garantir o dereito a unha vivenda. 

A vivenda como un ben caritativo

Neste senso, desde Stop-Despexos critican que até o momento non se lle teña ofrecido unha alternativa a Elisabeth para alén da Casa de acollida para mulleres maltratadas ou unha morada en Padre Rubinos. Algo que entenden reflicte un tratamento do problema "coma se se tratar dun ben caritativo en mans da beneficencia", obviando, din, "o feito de que a vivenda á un dereito básico recollido tanto na Constitución coma en múltiples tratados internacionais ratificados polo Estado". 

Así, alertan de que embora o Xulgado de primeira instancia da Coruña recoñeza a vulnerabilidade social de Elisabeth --razón pola que se activou o protocolo aprobado para estes casos-- a xustiza non suspende temporalmente o desafiuzamento e mesmo podería fixar unha nova data para o lanzamento a finais do mes de novembro. 

Face esta situación, desde Stop-Despexos alertan "á cidadanía que parou o desafiuzamento de Elisabeth o pasado 8 de outubro para que estea pendente dunha nova data de desafiuzamento".