O Concello da Coruña non ve risco de exclusión nunha nai con 3 crianzas, 216€ mensais e unha orde de despexo

Acción contra os despexos [SG]

Así llo transladou o director da área municipal de Servizos Sociais á afectada, Elisabeth Sanlés, segundo denuncia a plataforma Stop-despexos. O alzamento está fixado para a terza feira, 8 de outubro.


Tres crianzas de tres, catro e once anos; uns ingresos mensais de 216 euros que recibe en forma de axuda após quedar no desemprego en agosto do ano pasado; e unha orde de despexo que lle foi comunicada na terza feira 1 de outubro pola noite e cuxa execución está fixada para o 8 de outubro. É a situación en que se atopa a veciña da Coruña Elisabeth Sanlés, para quen o Concello ten xa reservada unha praza na residencia dos Pais Rubinos. Iso si, canda ela non poderá levar as crianzas.

Sanlés mantivo dúas xuntanzas co director da área municipal de Servizos Sociais, o que fora delegado territorial da multinacional da cooperación Intermon Oxfam José Luis Quintela. En ambas as dúas estivo acompañada por activistas de Stop-despexos A Coruña. Segundo informou a plataforma, no primeiro encontro, en xullo, a muller comunicou a Quintela que non podía facer fronte ao aluguer da vivenda; el comprometeuse a procurar unha solución.

No segundo encontro, esta quinta feira, fíxolle saber que o Concello "non aprecia risco de exclusión na súa situación", polo que non habería razóns para paralizar a orde de alzamento nin tampouco a xestión dunha vivenda de alugueiro social. Aliás, confirmou que a praza na residencia dos Pais Rubinos sería por uns días e que despois unha institución dependente da Igrexa católica se ocuparía do seu caso. Por derradeiro, de non atopar unha vivenda de seu, perdería a custodia das crianzas.
 

(Sobre)vivir cunha axuda de 216 euros ao mes

Elisabeth Sanlés asegurou que no departamento de Servizos Sociais do Concello teñen información da súa situación desde hai once anos e que ela propia se encarga de comunicar calquera novidade.

Así, en agosto de 2012 informou de que perdera o emprego a media xornada que lle permitía afrontar os 400 euros mensais do alugueir; no Concello dixéronlle "que procurase por unha vivenda máis barata".

Desde aquela pagou unicamente dúas mensualidades e media máis. O propietario do inmoble --no cal ela e as crianzas viviron os últimos tres anos-- denunciouna por impago e a sentenza deulle a razón, polo que foi ditada unha orde de despexo contra Sanlés que caduca na terza feira que vén, ás 10.30h. Na cidade herculina hai por volta de 20.000 vivendas baleiras.

Protesto diante dos xulgados

A plataforma Stop-despexos entende que a solución achegada polo Concello "vulnera a dignidade" da afectada. Por isto, convocaron para esta sexta feira, 4 de outubro, unha concentración perante o edificio dos xulgados --rúa Monforte, 12h--, onde rexistraron xa un escrito para solicitar que se active o Convenio para a detección e axuda de personas en situación de especial vulnerabilidade ou de risco de exclusión social en Galicia cando estean inmersas en lanzamentos xudiciais, asinado pola Xunta en abril de 2013.