Stop-desafiuzamentos de Galiza ven na sentenza da UE "unha arma" para a xustiza

Protesta nun banco Pastos [Imaxe: Amaía]
Consideran que o problema das execucións hipotecarias "non era dos xuíces, senón dunhas leis feitas para a banca" e, malia considerala "insuficiente" e reclamar a aprobación da ILP pola dación en pagamento, valoran de maneira "moi positiva" o pronunciamento de Estrasburgo


As plataformas Stop-desafiuzamentos da Galiza valoran de maneira "moi positiva" a sentenza do Tribunal de xustiza da Unión Europea en que autoriza a xuízas e xuíces a paralizar os despexos e declara "abusiva" a lei española. "Dálles unha arma" ás e aos profesionais da Xustiza para se pronunciaren a favor da cidadanía afectada polas execucións hipotecarias.

Así o considera Pilar Gayoso, integrante de Stop-desafiuzamentos Compostela, quen se mostra convencida de que, coa resolución supraestatal na man, "estamos diante da posibilidade de que se paralicen practicamente todos os despexos" ao se pronunciar Estrasburgo en contra das cláusulas de intereses de demora (do 18%) e cancelación anticipada, dúas habituais en calquera contrato hipotecario.

"É o que vimos demandando desde hai moito tempo. Está ben que, xa que o Goberno español fai que non se decata, polo menos os tribunais europeos se pronuncien sobre o que está a acontecer". Suso Pazos fai parte do colectivo contra os despexos en Ferrolterra e sinala que no Estado "o problema non foi nunca dos xuíces, senón dunhas leis que están feitas para a banca".

Acrecenta que, malia traballaren con até 17 casos de familias que, ora están en risco inminente de desafiuzamento ora prevén que non van poder facer fronte aos pagamentos da hipoteca, "o peor é a precariedade" en que se atopa a clase obreira deribada, xustamente, de normas que impón Europa "quitándonos soberanía".

Con todo, amb@s @s activistas manifestan que a sentenza "é insuficiente" e que queda moito por facer respecto dos despexos. "Teñen que aprobar a ILP" pola dación en pagamento, que o Congreso d@s deputad@s estivo a piques de non tramitar polo rexeitamento da maioría absoluta do PP. Porén, a presión social fixo recuar a formación conservadora, que rematou por admitir a trámite a iniciativa, presentada pola PAH (Plataforma de afectad@s pola hipoteca). Pilar Gayoso conclúe: "cada vez quédanlles menos escusas para non aprobala".