Soutomaior pon en valor a súa uva albariña no I Encontro do Viño Colleiteiro
O encontro decorrerá os días 31 de maio e 1 de xuño no Campo da Festa de Romariz. Unha cita que ten como obxectivo pór "no lugar que merece a uva albariña de Soutomaior, unha uva que tantos colleiteiros e colleiteiras levan décadas coidando e mimando".
O alcalde de Soutomaior (comarca de Vigo), Manuel Lourenzo, acompañado dos colleiteiros e colleiteiras do concello presentaron esta quinta feira o I Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior. Unha cita que se desenvolverá o día 31 de maio e o 1 de xuño no Campo da Festa de Romariz.
Trátase dunha actividade "feita con moito agarimo desde o Goberno Local" que leva sendo demandada desde hai moito tempo. Tal e como dixo onte Manuel Lourenzo, “hoxe facemos un acto de xustiza cunha tradición con mulleres e homes que hai décadas que levan traballando un produto que nos fai únicos e que nos diferenza, como é uva albariña de Soutomaior”.
O principal obxectivo deste encontro é, da man dos colleiteiros e das colleiteiras de Soutomaior, "pór no lugar que se merece unha tradición como é a dos colleiteiros e viticultura de Soutomaior".
Lourenzo sinalou ademais que “se hoxe por hoxe seguimos tendo uva albariña en Soutomaior é porque hai persoas que a traballan, a coidan a miman e a converten en viños dunha altísima calidade”.
Para rematar o alcalde dixo que con este encontro “nós o que queremos é facer un recoñecemento acompañar tanto traballo e tradición e historia e citarnos a todas e a todas na fin de semana para que todos poidamos degustar e desfrutar non só do produto que se elabora coa nosa uva senón dunha xornada de convivencia, de compartir e de desfrutar ao lado de tanta xente e na que poidamos desfrutar un pouquiño só do agarimo e do mimo e do traballo que lle poñen á colleita na elaboración destes viños”.
Un encontro no que participarán: o Furancho Linchú (Vela), Furancho do Pazo María&Conrado (Comboa), Adega do músico (O Sobral), María Sobral (Romariz), Albariño da Baralla (O Val), A casa de Lisa (O Sobral), Irmáns Lorenzo (O Sobral), Furancho O Maroco (Alxán), Veigha do Meirolas (O Rial) e Aires do Verdugo (O Rial).
Programación
Este encontro do viño colleiteiro contará cos dous días de celebración. O sábado, 31 de maio, as casetas abriranse de 12 a 22.30h. Haberá espazo gastro-bar en horario de 13 a 16 horas e de 20 a 22.30 horas con polbo, churrasco e ostras e servizo de bar con refrescos.
Ao longo da xornada haberá moitas actividades entre elas a actuación musical do grupo “Algo Pasa con Mary” o sábado ás 13 horas. Xa pola tarde, ás 19 horas, terá lugar a mesa coloquio "Soutomaior terra de viño", onde Manuel Lourenzo dará a benvida institucional e contará coa participación de Elisa Martínez Varela, colleiteira de Soutomaior; Dominique Roujou de Boubée, asesor en viticultura e enoloxía desde a empresa Terroir en Botella; e de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación galega de Sumilleres Agasu.
Ás 20 horas terá lugar a cata a cegas realizada polo xurado da distinción “Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025” e ás 20.30 horas chegará o directo de Desconcerto.
Xa na xornada do domingo as casetas permanecerán abertas en horario de 12 a 16 horas. O espazo gastro-bar, de 13 a 16 horas, e ás 13.30 horas terá lugar o feche, a entrega de diplomas e a distinción oficial “Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025”.