Fernando Pereira xa conta cunha rúa en Soutomaior

A homenaxe ao primeiro alcalde democrático de Soutomaior após o fraqnuismo tivo lugar na pasada noite do 25 de abril, co descubrimento da placa na rúa Coutada (que pasa a chamarse Rúa Coutada- Alcalde Fernando Pereira) e posterior relatorio no Multiusos con Pepe Carreiro, Ánxela Sobral, Anxo Quintana e Anxo Angueira.

Manu Lourenzo e a familia momentos antes do desubrimento da praca
Manu Lourenzo e a familia de Fernando Pereira momentos antes do desubrimento da praca. (Foto: Concello de Soutomaior)

O Concello de Soutomaior vén de renovar o nome da rúa Coutada (rúa pola que se accedía á antiga casa do alcalde) que pasa a ser rúa da Coutada – Alcalde Fernando Pereira. Un acto que tivo lugar na pasada noite cando se acaban de facer 25 anos do falecemento do que fora rexedor.

Tratouse dun acto emotivo onde centos de persoas quixeron estar presentes, tanto veciñas e veciños que quixeron e apreciaron a Fernando Pereira, como persoeiros do mundo da política tales como Gelo García, alcalde de Oleiros ou Luciano Sobral o que fora alcalde de Poio.

O acto deu comezo co descubrimento da nova placa na rúa Coutada e coa interpretación do Himno Galego por parte do grupo de gaitas Os Aghuaneiros. Un acto onde asistiron moitas veciñas e veciños do concello, a familia de Pereira e onde o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, fixo un pequeno percorrido pola vida do primeiro alcalde da democracia en Soutomaior, deixando patente a fonda pegada que deixara en moitas persoas coma por exemplo nel.

“Fernando Pereira fixo que, con 16 anos, comezase a miña traxectoria no mundo da política con amor e paixón, e, de momento, neste camiño continuamos con moito respecto e ao lado sempre da veciñanza, como el sempre estivo”.

A continuación, após o descubrimento da placa, a homenaxe trasladouse ao Multiúsos onde tivo lugar o acto central, unha cita onde tamén falou o actual alcalde, Manu Lourenzo, quen, cun Multiúsos ateigado, agradeceu o cariño a asistencia de todas as persoas.

Despois foi a quenda da actuación musical, de Mini.  A palestra ‘Un pobo, un Alcalde’ estivo moderada por Pepe Carreiro en representación da familia, e contou coa participación de Ánxela Sobral quen foi concelleira con Pereira no Goberno e lembrou como foron os anos de Goberno con Fernando Pereira “un home bo e xeneroso que o daba todo a cambio de nada”, unha mesa onde tamén interveu Anxo Angueira, director da Fundación Rosalía de Castro e tamén amigo de Pereira quen lembrou a fonda pegada que este alcalde deixou no mundo da cultura. Para rematar, tivo a palabra o ex vicepresidente da Xunta de Galicia e o que era alcalde e amigo durante os tempos de Pereira en Allariz, Anxo Quintana.

Fernando Pereira foi alcalde en Soutomaior desde o ano 1979 até o ano 1995, foi o primeiro alcalde da historia da democracia pos-fraqnuista deste concello, unha persoa de referencia e cun papel moi importante en moitos eidos, entre eles, no exilio onde tivo relación con José Mujica ou con Eduardo Galeano. Pereira foi unha persoa cun ineludible compromiso galeguista quen sempre velou pola defensa da cultura e da identidade do país.

Pereira e con el Soutomaior, foi o primeiro concello en contar un Plan de Normalización Lingüística e grazas a este alcalde, Soutomaior foi “o primeiro concello en contar coa rúa Alexandre Bóveda, avenida Castelao ou rúa Rosalía de Castro”.

Comentarios