Soutomaior non é vila para crianzas: sen pediatra durante todo o mes de xullo

Centro de saúde de Arcade, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
Os casos leves atenderaos a enfermeira do centro de saúde de Arcade; os graves serán derivados a Vilaboa e Pontevedra.

A profesional de pediatría do centro de saúde de Arcade, en Soutomaior, estará durante todo o mes de xullo no seu período de vacacións e a praza que deixa vacante non será cuberta neste tempo.

Así o denunciou nesta sexta feira o portavoz municipal do BNG no concello e deputado no Parlamento galego, Manuel Lourenzo, que se desprazou ao ambulatorio para coñecer de primeira man o estado do servizo após as múltiples queixas da veciñanza por non poder solicitar unha cita médica.

Deste modo, a enfermeira atenderá as urxencias máis leves, mentres que os casos de maior gravidade serán derivados a Vilaboa e Pontevedra, segundo precisaron profesionais do centro de saúde.

Lourenzo avanzou que a súa formación vén de rexistrar a solicitude dun pleno extraordinario para "exixir responsabilidades a quen corresponda", ante o que considera "unha nova falta de respecto a Soutomaior, a súa veciñanza e os profesionais sanitarios, así como un grave ataque á sanidade pública".

"O primeiro que fixemos foi solicitar este pleno, e chegaremos até onde faga falta, esta nova falta de respecto non vai quedar impune, e comezamos dende xa a preparar unha mobilización en Soutomaior", subliñou.

O BNG, dixo, estará "nas institucións e nas rúas para defender unha vez máis o dereito do pobo de Soutomaior a ter unha sanidade pública de calidade".

Máis dun milleiro de menores de 16 anos

Segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), Soutomaior conta cunha poboación de 7.482 persoas, das cales 1.261 son menores de 16 anos —o servizo de pediatría atende todas as de 14 anos ou menos—.

Aliás, o municipio ten unha das taxas de natalidade máis elevadas da Galiza —6,21 nacementos por cada 1.000 habitantes, fronte a 5,65 no conxunto do país—.