Soutomaior non porá pantalla para ver a final do Mundial para así beneficiar a hostalaría

Tere Abelleira, posando coa bandeira galega tras conseguir a clasificación para a finalísima. (Foto: Europa Press).
“Apoiamos o deporte feminino pero tamén a toda a hostalaría do concello", afirmou Manuel Lourenzo, alcalde de Soutomaior.

Concellos da Galiza instalarán pantallas xigantes para ver a final do Mundial feminino de fútbol que se disputa este domingo, 20 de agosto, e na cal participará a selección do Estado español.

Tal é o caso da Coruña, que utilizará as pantallas laterais do escenario das festas de María Pita; Pontevedra, cuxo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou na cuarta feira a través da súa conta de X que a pantalla se instalará na praza da Ferraría; Sanxenxo (O Salnés), que verá a final na praza da Fonte de Ramos; ou Combarro, en Poio (comarca de Pontevedra), na praza da Chousa.

Non será o caso de Soutomaior (comarca de Vigo). Manuel Lourenzo, alcalde da vila, anunciou nas súas redes sociais que o Concello non instalará pantallas para seguir a final do Mundial para así beneficiar a hostalaría local.

Unha decisión comunicada logo de que o grupo municipal do PP rexistrara unha iniciativa instando o alcalde a instalar pantallas para seguir o evento. Trátase dunha iniciativa que populares de varias vilas e cidades do país presentaron nos seus respectivos consistorios.

Segundo reza o comunicado, “no ano 2010, na final do Mundial de fútbol masculino houbo moitísimas queixas de toda a hostalaría porque cun evento TELEVISADO do que se poderían beneficiar todos os bares do concello, a maioría non fixeron nin un euro de caixa, ao concentrar toda a clientela nun único sitio coa pantalla”.

Nestes feitos basea o Goberno de Soutomaior a súa decisión de non instalar pantallas para que a veciñanza siga a contenda da selección española de fútbol, afirmando, non obstante que “apoiamos o deporte feminino pero tamén a toda a hostalaría do concello que loita cada día por sacar adiante os seus negocios, moitos deles rexentados por mulleres”.

Con estas palabras, o Executivo local anima a veciñanza “a seguir a final feminina e a desfrutar dunha campioa como Teresa Abelleira en grupo desde todos os bares que hai en cada recuncho do concello”.