Soutomaior eríxese epicentro das políticas feministas cunhas xornadas sobre igualdade

María Obelleiro, Izaskun Landaida, Nuria Varela e Eva Istúriz (Foto: Rafa Estévez).
A directora de 'Nós Diario', María Obelleiro, moderou unha das mesas de debate da primeira xornada do evento.

O Castelo de Soutomaior acolleu nesta quinta feira a xornada inaugural do I Encontro Nacional sobre Políticas Públicas da Escola de Igualdade María Vinyals (Deputación de Pontevedra), coordinado pola doutora en Ciencias Políticas e referente do feminismo Rosa Cobo. Ao inicio do evento rendeuse homenaxe á ex deputada pontevedresa e impulsora da escola Isaura Abelairas, finada o pasado xuño.

"As feministas, nos nosos tres séculos de historia, temos buscado espazos para construír o noso propio proxecto político. A sociedade civil soña dereitos e o poder político convérteos en leis, mais sempre nos teñen colocado con alguén: igualdade e políticas sociais, igualdade e familia... e agora aparece igualdade e diversidade. Un dos retos do feminismo no século XXI é recuperar o noso espazo", dixo Cobo, na conferencia inaugural.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou na súa intervención para dar a benvida ao encontro que se trata dunha "xornada de reflexión, análise e posta en común con grandes conferenciantes cunha longa traxectoria e moito coñecemento sobre a axenda feminista", mais tamén un "acto de reivindicación" para situar o feminismo "no centro como unha grande prioridade".

A primeira mesa de debate desta xornada, baixo o título "Políticas públicas nacionais", deu a palabra a Beatriz Gimeno, ex directora do Instituto das Mulleres, e Soledad Murillo, profesora de Socioloxía da Universidade de Salamanca.

"Preocúpanos que facer coas violencias machistas. Temos unha das mellores lexislacións, mais non descende", lamentou Gimeno, ao tempo que a profesora Murillo salientou que a "transversalidade" non se consegue só con xornadas como a do 8 de marzo ou o 25 de novembro, senón "con orzamento e persoal".

No segundo coloquio, moderado pola directora de Nós Diario, María Obelleiro, participaron a directora xeral do Instituto Vasco da Muller, Izaskun Landaida; a directora xeral de Igualdade de Astúries, Nuria Varela, e a directora xerente do Instituto Navarro para a Igualdade, Eva Istúriz. As relatoras expuxeron as experiencias levadas a cabo polos seus respectivos gobernos en materia de igualdade. "O que precisan as vítimas son recursos vitais, non habitacionais, para retomar as rendas da súa vida", apuntou Varela.

Na xornada de tarde, as palestras puxeron o foco nas políticas feministas municipais —coa participación das alcaldesas de Meis, Marta Giráldez; Tomiño, Sandra González, e Santa Coloma de Gramanet, Nuria Parlón— e nos medios de comunicación —da man das xornalistas Emelina Fernández, Ana Bernal-Triviño e María Xosé Porteiro.

Na sexta feira celébranse dúas novas mesas, centradas na igualdade no sistema xudicial e novas propostas para o movemento feminista.