Sanidade

A odisea de ir ao médico en Soutomaior: sen cita até marzo e axenda fechada en Pediatría

Centro de saúde de Arcade e capturas da aplicación 'Sergas Móbil' para pedir cita na atención primaria. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza xa reclamou en reiteradas ocasións nas rúas unha atención sanitaria "de calidade" no centro de saúde de Arcade, cuxas eivas son notorias.

Mentres o Goberno galego intensifica os seus ataques á manifestación nacional que este domingo percorrerá as rúas de Santiago na defensa da atención primaria, unha protesta convocada pola asociación SOS Sanidade Pública que o presidente, Alfonso Rueda, ve "politizada", a cidadanía galega segue sen ter garantida a asistencia en moitos centros de saúde colapsados pola falta de recursos.

É o caso de Soutomaior, cuxo centro de saúde, situado na parroquia de Arcade, non conta con persoal médico abondo para facer fronte á demanda do municipio e non permite solicitar unha cita no que resta de mes. A primeira data dispoñíbel a día de hoxe, tal e como puido constatar Nós Diario, é o 1 de marzo.

Máis complicado téñeno as crianzas e os pais e nais destas, pois a axenda da profesional de Pediatría "non dispón de ocos libres nos vindeiros días", segundo advirte a propia aplicación Sergas Móbil a quen intenta pedir unha cita para consulta, sen especificar cando voltará estar dispoñíbel.

As eivas na atención sanitaria ás crianzas neste concello non son unha novidade. Sen ir máis lonxe, o pasado verán este xornal informaba de que o ambulatorio quedaba no mes de xullo sen pediatra ao marchar a doutora de vacacións e non cubrirse a vacante que deixaba.

Daquela, como noutras ocasións nas que Arcade quedou sen profesional de referencia para a cativada, deriváronse as consultas a Vilaboa; porén, a pasada semana nestoutro municipio tampouco había dispoñibilidade na consulta de Pediatría, sinala unha veciña a Nós Diario.

A veciñanza de Soutomaior tomou as rúas o pasado novembro para protestar contra a "insostíbel" situación da atención primaria, na mesma semana na que o centro de saúde amencía con senllos carteis situados ás portas de dúas consultas que dicían: "Hoxe non haberá consulta nesta sala. Pregunten en mostrador".