SOS Sanidade Pública suma 18.000 sinaturas para "salvar" a Primaria

Manuel Martín, no centro, na rolda de prensa de SOS Sanidade Pública onte en Santiago (Europa Press).
A plataforma social avanza novas mobilizacións na Galiza

"A implicación da cidadanía e a recollida de sinaturas está a ser un éxito rotundo". Así o recoñeceu a Nós Diario o voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, tras avanzar onte novas mobilizacións por todo o territorio en defensa da Atención Primaria.

Unha das accións que buscan salvar e fortalecer o primeiro nivel asistencial do sistema público de saúde é a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da Atención Primaria impulsada pola entidade este verán. Sindicatos, partidos políticos e colectivos sociais e profesionais están a recadar apoios por todo o territorio co fin de levar ao Parlamento galego unha proposición de lei que busca debater e aprobar unha serie de medidas urxentes para revitalizar a situación que atravesa a rede de centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC) da Galiza.

A día de hoxe a ILP contabiliza xa 18.000 sinaturas de apoio, moi por riba das 10.000 que exixe a normativa para que o texto chegue á Cámara. O obxectivo non é outro que a salvagarda da Atención Primaria, unha demanda anterior á pandemia que non se pode adiar máis. A situación segue a ser moi complicada tanto a nivel organizativo como funcional, advirte Martín.

"En primeiro lugar hai un problema gravísimo para poder acceder e contactar cos centros de saúde. A maior parte das consultas son non presenciais", unha práctica, di, que discrimina, sobre todo, as persoas maiores. "Estas consultas, aínda que sexan telefónicas, teñen lista de espera", que no caso das presenciais oscila entre os sete e os 15 días.

A falta de persoal sanitario é outra constante que explica as esperas e agrava a sobrecarga da Atención Primaria. "Na zona do Salnés e da Arousa os PAC están fechados porque non hai persoal médico. No mellor dos casos atende a consulta unha enfermeira que depende dun profesional que está noutro centro de saúde".

"Non imos parar" 

Ademais destas carencias, Manuel Martín pon o foco na "desaparición" de toda a actividade de promoción, prevención e traballo comunitario que corresponde aos centros de saúde. "A situación é tan dramática  que xa se está vendo como repercute na saúde da poboación, e vese, por exemplo, nas estatísticas de mortalidade, con incrementos que afectan tanto á mortalidade xeral como á mortalidade por enfermidade que se poden previr".

Fronte ao desleixo da Administración galega, Manuel Martín destacou o compromiso e a mobilización da cidadanía galega, promovida pola plataforma e motivada polo "descontento, a frustración e o enfado da poboación. "En canto colocamos unha mesa en calquera localidade da Galiza fórmanse colas para poder asinar en favor da nosa ILP. Recollemos xa unhas 18.000 sinaturas pero contamos superar as 25.000". 

De aquí ao mes de febreiro, data na que convocarán unha manifestación en Compostela para reivindicar a Iniciativa Lexislativa Popular 'Salvar a Atención Primaria', SOS Sanidade Pública avanzou outras mobilizacións que engordarán o historial doutras multitudinarias, nomeadamente na área de Vigo ou O Salnés.  As primeiras terán lugar este mesmo mes. O día 11 fronte á Consellaría de Sanidade promovida pola plataforma do Grove. O 20, a iniciativa da plataforma Pediatras e Matronas Xa.

E o 30, nun chamamento conxunto de todas as plataformas da Galiza. "Non imos parar. Aínda que acabe a ILP, a mobilización en contra da política de desmantelamento do sistema vai continuar".