SOS Sanidade Pública sitúa a súa ILP como solución aos problemas da Atención Primaria

Concentración de SOS Sanidade Pública ás portas do ambulatorio Concepción Arenal en Santiago. (Foto: Arxina)
Máis dunha vintena de concentración piden dobrar o orzamento para evitar a precariedade profesional e asistencial na sanidade pública.

Máis dunha vintena de plataformas e asociacións sanitarias responderon onte ao chamamento de SOS Sanidade Pública con concentracións de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para o fortalecemento da Atención Primaria que se vai debater no Parlamento galego o próximo 9 de maio.

Desde Ferrol á Guarda e desde Burela a Verín, colectivos profesionais, sindicatos e persoas usuarias da sanidade pública mobilizáronse en horario de mañá e tarde para exixir a toma en consideración por parte dos grupos parlamentarios da ILP que segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, promotora do texto, "contén todas as medidas urxentes e necesarias recomendadas polos expertos para resolver os problemas actuais da sanidade galega, orixinados pola terríbel xestión destrutiva da Xunta".

Ás 12 do mediodía inauguraron as concentracións a asociación Pediatras e Matronas Xa máis as plataformas SOS Sanidade Pública da Costa da Morte, e de Compostela. As dúas primeiras ás portas do centro de saúde de Laxe e a segunda no ambulatorio Concepción Arenal de Santiago, onde se reuniron ducias de persoas.

Á mesma hora, no centro de saúde de Outes o voceiro da plataforma compostelá, Xosé María Dios, avanzaba xa o éxito da convocatoria. "Comezamos a xornada co apoio de 19 plataformas locais pero xa se sumaron até 24, chamamentos á mobilización que se van prologar durante toda a xornada".

Contra as 20 horas tiveron lugar as últimas concentracións nas comarcas de Ferrol, A Coruña, Costa da Morte, O Barbanza, Arousa, Pontevedra, O Morrazo, Vigo e o Baixo Miño; mais tamén no Deza, A Mariña e Verín.

Cambio de modelo

Desde cada unha, integrantes da Plataforma SOS Sanidade Pública reivindicaron a ILP de reforzo da Atención Primaria fronte ao acordo "economicista" que a semana pasada asinou o sindicato CESM coa Xunta contrario á sanidade pública que defende a entidade.

En declaracións a Nós Diario, Xosé María Dios referiuse á "problemática xeneralizada" que afecta a sanidade pública da Galiza "con consecuencias tremendas para moitas persoas usuarias do sistema sanitario" e cuxa solución figura na ILP.

"De querer aplicala, o PP tena aí á súa disposición, e desde hai dous anos e medio tamén nas conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria, que preferiu gardar nun caixón".

A ILP marca a "liña a seguir" ao considerar unha reforma estrutural do sistema que mude o modelo para axustalo ás necesidades crecentes dos pacientes. Para iso, insiste Dios, "é fundamental dobrar o orzamento da Atención Primaria até o 25% segundo o recomendado pola OMS", un incremento que permitiría reforzar  as carteiras de servizos dos profesionais e incorporar novos sanitarios. "A ILP non recolle nada raro, ao contrario, pide que se contrate persoal para as prazas vacantes e evitar a precariedade". 

No plano profesional e tamén no asistencial, con axendas reducidas, ratios axustadas e listas de espera limitadas; con recursos ampliados para un diagnóstico precoz e unha mellor atención dos doentes crónicos e da saúde mental.

Coincidindo co debate da ILP na Cámara galega o día 9, SOS Sanidade Pública anunciou unha nova concentración na contorna do Parlamento así como a presenza de varios membros no hemiciclo para "ver que responde o PP á nosa iniciativa".