SOS Sanidade Pública rexeita o peche de Centros de Saúde

Concentración da plataforma SOS Sanidade Pública (Foto: Nós Diario).
A plataforma esixe ao Goberno galego que a situación actual "non sexa utilizada para desmantelar ou recortar o sistema sanitario público, como noutras situacións de crise". 

 

A Plataforma SOS Sanidade Pública rexeita o peche dalgúns Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada que valora a Xunta da Galiza, e demanda ao Goberno galego que a situación actual, consecuencia da pandemia da COVID-19, "non sexa utilizada para desmantelar ou recortar o sistema sanitario público, como noutras situacións de crise". 

Sos Sanidade Pública engade que a súa prioridade é "respectar as medidas acordadas polas autoridades sanitarias para combater a pandemia", mais considera que é "absolutamente necesario manter e incrementar un sistema sanitario publico, universal e accesible, baseado nunha potente Atención Primaria".

Para a plataforma, a loita contra a pandemia "non debería supoñer abandonar o resto de actividades asistenciais necesarias para facer fronte aos problemas e necesidades de saúde física e mental da poboación, especialmente da máis vulnerábel", polo que consideran "necesario" manter abertos os equipos para prestar asistencia a domicilio, renovar receitas ou controlar a evolución das doentes infectadas nos domicilios.

Finalmente, SOS Sanidade Pública afirma "botar en falta" os instrumentos de participación social e profesional "que o PP eliminou", e demanda que calquera medida "que supoña cambios fundamentais nas actividades asistencias do sistema público" sexan debidamente "xustificadas, informadas e explicadas á poboación e ás súas representantes políticas, sindicais, científicas e sociais".