SOS Sanidade prepara unha ILP en defensa da Primaria

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela o 14 de novembro. (Foto: Arxina)
Despois das mobilizacións en numerosas cidades, vilas e centros de saúde contra o desmantelamento da Atención Primaria, a Plataforma SOS Sanidade Pública lanzará unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) no Parlamento galego. O texto será anunciado na vindeira semana en rolda de prensa.

O borrador da ILP que presentará SOS Sanidade Pública e ao que tivo acceso Nós Diario, en exclusiva, sinala que despois de “manter a unidade de acción conseguida, as mobilizacións, as actividades informativas, e a colocación de mesas de sinaturas nas rúas e centros de saúde”, a estratexia pasará por “obrigar o Goberno galego e os grupos parlamentarios a tomar posición”.

Após a manifestación de 14 de novembro en Compostela, que supuxo “un punto de inflexión na loita por salvar a Primaria”, denuncian que a Xunta da Galiza segue “sen modificar a súa actual política sanitaria, dirixida a recortar e desmantelar”.

Na exposición de motivos denúnciase a situación da maioría dos centros de saúde, que, segundo afirman, seguen mantendo as barreiras para contactar e a hexemonía das consultas telefónicas e telemáticas sobre as presenciais. Cualifican como “inaceptábeis” as listas de agarda na Primaria ao se chegar a “semanas de espera para recibir asistencia”.

Outros grandes problemas, segundo entende SOS Sanidade Pública, son a falta de espazo e de circuítos Covid, o fechamento dos centros de saúde periféricos, que as residencias de maiores sigan sen recibir a asistencia dos centros de saúde, e unhas condicións laborais "precarias e indignas" que dificultan a contratación de novo persoal.

10 propostas de medidas urxentes

Para facer fronte a esta “inaceptábel situación”, solicitan  a aprobación de dez medidas concretas, a comezar polo incremento do gasto en Primaria até o 25% do total, como recomenda a Organización Mundial da Saúde; a recuperación de todas as prazas de persoal recortadas nos últimos 12 anos, a adición de novas prazas de formación de todo o persoal, a convocatoria de todas as prazas vacantes na Primaria, e oferta pública de emprego de forma anual; garantir que todas as consultas sexan, en xeral, presenciais; e recuperar a accesibilidade aos centros de saúde e limitar as listas de agarda a un máximo de 48 horas e 24 no caso de demandas urxentes.

A maiores, piden incrementar e  redimensionar os equipos con máis persoal nos diferentes labores; volver ás xerencias de Primaria, e así acabar coa dependencia das xerencias hospitalarias; desenvolver os Consellos de Saúde de Área Sanitaria e o Consello de Saúde da Galiza; e proceder á reapertura dos consultorios periféricos fechados, que afectan especialmente ao rural, mellorando a súa relación con unidades de Primaria e xerencias de área. 

Apostan tamén por acabar coa "precariedade", garantir a estabilidade no traballo e ofertar "condicións laborais dignas" para recuperar o persoal que emigrou fóra da Galiza; así como  por desenvolver un Plan urxente de creación de novos centros de saúde adaptados a cada zona e coa dotación de persoal suficiente para facer da Primaria o primeiro nivel asistencial resolutivo.