Sesión de control

O Sergas dará posibilidade de elixir cita presencial na Atención Primaria a partir da quinta feira

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) abrirá a partir da quinta feira a posibilidade de que os pacientes concerten cita presencial para o seu médico de cabeceira en Atención Primaria.

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).
photo_camera Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).

O anuncio foi realizado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na súa quenda de resposta á portavoz do BNG, Ana Pontón, durante a sesión de control do primeiro pleno do curso político na Cámara autonómica.

Tras ser apelado pola líder nacionalista a concretar cando se recuperarán as citas presenciais en Atención Primaria, Núñez Feixoo sinalou que será "nos próximos días", e finalmente, informou de que sería na quinta feira, día 16.

"Pode explicarnos como fai unha persoa maior, que viva soa, que se levante enferma para sortear todos eses obstáculos?"

“Vostede converteu a cita presencial nunha carreira de obstáculos: hai listas de espera de até 21 días, as consultas presenciais están limitadas por cupo e para conseguir cita hai que ir ao centro de saúde, facer cola e cruzar os dedos para que haxa algunha libre. Pode explicarnos como fai unha persoa maior, que viva soa, que se levante enferma para sortear todos eses obstáculos? E non lle digo nada se vive no rural”, interpelou a líder nacionalista.

Pontón propuxo ao xefe do Executivo unha batería de medidas a favor da Atención Primaria para recuperar as citas presenciais. Entre elas, un investimento de choque de 200 millóns para “reforzar o que, até a chegada de Feixóo, era a xoia da sanidade pública e columna vertebral do sistema, pero que agora está colapsada tras doce anos de estratexia popular de acoso e derribo”.

"Confórmase con acabar o ano cun 60% de consultas presenciais. Que pasa co outro 40%, non pode enfermar?"

“É tal o disparate que a súa proposta non é como reforzar os centros de saúde senón onde coloca o listón dos recortes, e confórmase con acabar o ano cun 60% de consultas presenciais. Que pasa co outro 40%, non pode enfermar, ten que ir a urxencias ou á sanidade privada quen poida pagala?”, espetou a líder do BNG.

Pontón propuxo un plan de recursos humanos para dotar os centros de saúde de todo o persoal necesario e acabar coa precariedade contratando todas as prazas vacantes no sistema público de saúde, así como elevar o orzamento de Atención Primaria até situalo no 25% do orzamento total do Sergas ao longo da lexislatura, fronte ao 15% actual.

A portavoz do Bloque puxo en valor o traballo e o compromiso dos e das profesionais da sanidade pública e reclamoulle ao presidente da Xunta que, se realmente ten “respecto” polo persoal sanitario, “o que debe facer é escoitalo, acabar coa precariedade, reforzar os cadros de persoal nos centros de saúde e abandonar os recortes”.

Comentarios