SOS Sanidade pública móvese en Vigo para que a Xunta recupere a concesión do novo hospital

Convocan unha protesta para esta cuarta feira contra un proxecto ''vulnerado para beneficiar ás empresas'' e que se atopa paralizado por permitir o PP que o capital privado metese man achegando financiamento. A manifestación está fixada para as oito do serán desde a Praza dos Cabalos

A construción do novo complexo hospitalario de Vigo está paralizada e o seu custo multiplicouse por sete após deixar a Xunta que empresas construtoras e financeiras achegasen o financiamento necesario. A plataforma SOS Sanidade pública e a Xunta de persoal da área sanitaria de Vigo convocan para esta cuarta feira, 3 de setembro, unha mobilización --Praza dos Cabalos, 20h-- para reclamarlle á Xunta de Galiza que recupere a concesión e remate o proxecto "desde o ámbito do público".

O centro que se está a contruír en Valadares "non é o que Vigo necesita", valorou Manuel G. Moreira, voceiro da plataforma en Vigo. Criticou que os cambios introducidos no proxecto "buscan beneficiar ás empresas". De tales cambios falou hai uns días neste xornal Manuel Martín, portavoz nacional de SOS Sanidade pública, queixándose de que os novos plans da Xunta manteñan Povisa como hospital de área, cando a idea era que pasase a facer parte do complexo público.

A infraestrutura sanitaria, ''unha fraude''
"Vulnerouse o contrato para reducir o número de camas" das 1.490 iniciais até as 900 actuais "e que Povisa manteña a súa posición", subliñou Martín, e acrecentou que o aforro no gasto polos servizos contratados será do 30% segundo as contas de Martín, mais as empresas cobrarán en virtude do proxecto inicial. Destacou que "é unha fraude. Dunha parede que tería 30 cm de grosor pasouse a unha con 3 cm. É o exemplo máis gráfico do que pasou con este hospital".

Na mesma liña pronunciouse Moreira ao sinalar que "nós somos os primeiros que queremos un novo hospital, pero exiximos unha infraestrutura con capacidade para dar cobertura a unha poboación de 600.000 persoas". O representante sindical da CIG reclamou das forzas políticas que concorren ás eleccións do 21-O un compromiso ao redor de "que pensan facer" coa infraestrutura sanitaria, e explicou que a protesta convocada pretende "expresármonos na rúa en defensa dun hospital en condicións e da sanidade pública universal".

Excluíd@s do dereito á saúde
Ao fío, Manuel Martín considerou que o decreto imposto polo goberno español supón "o intento máis brutal que houbo nunca de acabar co noso modelo sanitario, baseado na universalidade", e colocou para o novo modelo dúas características: aseguramento e repagamento. "Xa non abonda con acreditar que residimos na Galiza, senón que agora tamén hai que pagar o seguro sanitario", concluíu. 

Desde CIG, Moreira acrecentou que, se ben agora mesmo son as persoas inmigrantes as principais desprazadas do dereito á saúde universal, "ampliarase a exclusión a outros colectivos", nomeadamente moz@s maiores de 26 anos que non cotizaron nunca ás arcas da seguridade social.

Jorquera apoia a SOS Sanidade pública nun reparto informativo
Á campaña en prol da recuperación do hospital de Vigo para o sistema público sumouse o BNG. O candidato á Xunta, Francisco Jorquera, reunirase esta tarde con SOS Sanidade pública, plataforma da que fai parte a formación frontista, e participará nun reparto de material informativo diante das consultas externas do Hospital Xeral unhas horas antes da manifestación.