SOS Sanidade Pública denuncia o "deterioro" do Sergas e solicita o apoio da cidadanía á manifestación deste domingo

Traballadoras nun centro hospitalario. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
A plataforma mobilizarase este domingo en Santiago de Compostela.

Representantes de SOS Sanidade Pública na Coruña instaron a cidadanía a mobilizarse este domingo en Santiago de Compostela contra o "deterioro" da sanidade na Galiza e en defensa da que cualificaron como "a xoia da coroa da política social".

O portavoz da plataforma e médico de familia, Ramón Veras, e outro dos integrantes, Demetrio Vázquez, demandaron esta cuarta feira nunha rolda de prensa o apoio da cidadanía para "encher" a capital da Galiza este 4 de febreiro nunha mobilización que partirá ás 13 horas da Alameda.

No chamamento á mobilización, incidiron en que se trata dunha manifestación convocada antes de que fose coñecida a data das eleccións autonómicas. "Vai para calquera Goberno que estea", sentenciou Vázquez. 

Da convocatoria, dixo que busca "defender" a sanidade pública galega e reclamar melloras fronte á situación actual, con problemáticas como a das listas de espera, a da "saturación importante en Atención Primaria" ou a da falta de especialistas.

Veras, a respecto da situación xerada en Urxencias polos casos de gripe, apuntou á existencia dun problema "estrutural". "Hai que acabar coa incompetencia na xestión deste Goberno, o que pasou coa gripe é en gran parte debido á mala xestión da Consellaría", afirmou o portavoz.

Críticas do conselleiro

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu esta cuarta feira os investimentos e a xestión do seu departamento e criticou a manifestación convocada para este domingo 4 de febreiro en Compostela pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que busca, segundo o seu parecer, "seguir desprestixiando" o Servizo Galego de Saúde (Sergas).