Sanidade pública

Comesaña carga contra a protesta de SOS Sanidade e di que só procura "desprestixiar a sanidade pública"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Xunta da Galiza)
"Mentres uns investimos en tecnoloxía e nos mellores tratamentos posíbeis para os pacientes, outros invisten en financiar autobuses, pancartas e escenarios", afirma o conselleiro.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu os investimentos e a xestión do seu departamento para criticar a manifestación convocada para o domingo 4 de febreiro en Compostela pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que busca "seguir desprestixiando" o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

"Mentres uns investimos en tecnoloxía e nos mellores tratamentos posíbeis para os pacientes, outros invisten en financiar autobuses, pancartas e escenarios para seguir desprestixiando a sanidade pública", recalcou García Comesaña esta cuarta feira, ao ser preguntado sobre esta protesta.

O conselleiro recoñeceu que "todo é mellorábel, evidentemente", mais reivindicou que a sanidade pública na Galiza "está nun nivel excelente". Ademais, contra as afirmacións da Plataforma SOS Sanidade Pública, García Comesaña asegurou que hai "os mesmos pediatras que houbo sempre, máis de 700 profesionais en Atención Primaria ou 6.000 traballadores máis no Sergas".

O conselleiro admitiu que hai "un problema” "coa falta de médicos", mais matizou que "curiosamente" os que "financian as manifestacións, os autobuses e as cuñas publicitarias son os que sistematicamente votan que non ás medidas" que a Xunta pon riba da mesa. "Terán que explicalo eles", concluíu.

O Partido Popular intensificou nestes días as súas críticas á mobilización que vai decorrer este 4 de febreiro. Acusan a oposición e sindicatos de estar detrás desa manifestación e da Plataforma que a convoca. 

A Plataforma SOS Sanidade Pública anunciou unha manifestación para o domingo 4 de febreiro ás 12horas, desde a Alameda de Compostela, para defender máis medios e persoal e denunciar as políticas de recortes que desde a Administración galega se realizou ao longodestes anos.