SOS Sanidade convoca unha marcha para rescatar Povisa

Protesta diante de Povisa nunha imaxe de arquivo.
A plataforma SOS Sanidade Pública e a maioría do comité de empresa (CIG e CC.OO.) do Hospital Povisa convocaron unha manifestación para a quinta feira, 24 de outubro, en Vigo para esixir que a Xunta "dea un xiro" e recupere este recurso asistencial para a sanidade pública.

Baixo o lema En defensa da calidade asistencial e dos postos de traballo, a plataforma SOS Sanidade Pública presentou esta segunda feira en Vigo a mobilización, que partirá ás 20:00 horas da Praza de España e terminará, após pasar diante do hospital, na Praza da Independencia.

O portavoz da plataforma en Vigo, Manuel González, explicou que coa manifestación pretenden demandar á Xunta que "non perda unha oportunidade de recuperar a xestión de Povisa” para a sanidade pública.

Os convocantes, chaman á cidadanía a sumarse para defender Povisa e dicirlle á Xunta que pode “non autorizar a venda e exercer o seu dereito de compra”. Unha compra que podería afrontar coa cuarta parte do Fondo de Continxencia, “que é de case 80 millóns, co que evitaría o endebedamento", recomendan desde SOS Sanidade Pública.

"A compra de Povisa por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados", conclúe a plataforma.