E por que non comprar Povisa?

Povisa, en Vigo.
24 millóns de euros é a cifra sobre a que xira o negocio entre a propiedade e unha empresa controlada por un fondo de investimento. A oposición sinala á Xunta que o país está diante dunha oportunidade para virar nas privatizacións. Piden que o Sergas se faga co control dun hospital que dá servizo a máis de 130.000 persoas na área de Vigo. Montse Prado (BNG) e Eva Solla (Común da Esquerda) lideran unha proposta que mudaría toda a política sanitaria ao rematar co maior concerto público-privado do Estado.

Na Comisión de Sanidade do Parlamento galego esta quinta feira a oposición e o goberno volveron bater polos reiterados incumprimentos e atrasos na dotación de persoal e infraestruturas que a Xunta de Feixoo promete e case nunca fai. Deste xeito o PP impón a súa axenda de derrubo controlado do servizo público até que emerxa o capital privado que vai tomando posicións no negocio da saúde. Ese debate de fondo apenas emerxe salvo en contadas oportunidades. O caso Povisa pode ser a última delas.

A cifra

A operación de compra de Povisa entre a propiedade, o Grupo Nosa Terra 21, da familia Silveira, e Ribera Salud, empresa sanitaria participada por un fondo de investimento estadounidense, parece pendente só do informe da Comisión Nacional da Competencia (CNMC)*. A cifra que se dá, 24 millóns de euros, “non foi desmentida polo conselleiro no Parlamento”, di Montse Prado, do Bloque, “e pode ser unha cantidade asumíbel para a Xunta se temos en conta que o gasto sanitario anda sobre os 4.000 millóns”. “Nós vimos o ano pasado as contas da empresa e o valor patrimonial estaba nos 30 millóns de euros”, explica Eva Solla, parlamentaria do Grupo Común da Esquerda, “hai que ter en conta que non é no patrimonio no que se sustenta o negocio, senón no concerto co SERGAS”. “É asumíbel desde a Xunta, claro”, di Solla.

O concerto


A parte maior do concerto entre Povisa e a Xunta proporciona á compañía o 80% dos seus ingresos anuais. Son as 135.000 persoas que reciben a asistencia sanitaria pública a través de Povisa e que paga o SERGAS. Representan case a metade das cartillas da área de Vigo. O actual concerto empezou no 2014 e remata no 2022. Foi incrementando a achega pública e negociouse por última vez hai un ano, cando a empresa entrou en pre-concurso de acredores e a Xunta botou unha man aumentando as transferencias, facéndose cargo, entre outras cuestións, do gasto farmacéutico do centro. 

O negocio

Povisa estaba no punto de mira das empresas estatais en expansión. “Hai anos que se vén falando do interese de Quirón, que se fixo por exemplo coa clínica Domínguez en Pontevedra. Tamén escoitamos de Ribera Salud xa no 2010. En realidade, con este concerto, Povisa é un caramelo para os investidores privados”, sinala Eva Solla. Nos últimos exercicios a empresa deu en perdas e a familia Silveira empezou a pensar na venda. O pre-concurso do ano pasado foi unha oportunidade para reordenar as contas e sanear Povisa, “probabelmente o concurso non era necesario, pero axudou ao saneamento con cartos públicos”, opina Solla, que aproveitou aquel momento para levar ao Parlamento a primeira proposta de compra desde o público. “Os compromisos da Xunta e do PP son outros”, indica Montse Prado, “son garantir o negocio ás empresas privadas”.

A ocultación

A Consellería de Sanidade non fiscalizou nunca Povisa, advirte Prado. “Nin se preocupou por facer unha auditoría nin por contestar as continuas denuncias do persoal (máis dun millar de traballadoras e traballadores) a causa da precariedade”. Houbo protestas no 2011, no 2013, no 2014... Mesmo se produciron folgas de fame de empregadas e empregados. Os mesmos que deben atender á saúde de case a metade da poboación de Vigo. “Nin tampouco polas eivas na atención, empezando polas listas de espera”, engade a parlamentaria nacionalista. “Houbo cambios no concerto que recibiron a advertencia do Consello de Contas”, lembra Eva Solla. O seu grupo acabou comprando no Rexistro Mercantil as contas da empresa que a Xunta lles negou. Cando acudiron ao Rexistro, a empresa non depositara o documento. Este ano volverán compralo, porque a Xunta segue sen atender as peticións das deputadas. 

A política de privatización


O representante do PP na comisión de sanidade, Núñez Centeno, lembrou que as achegas públicas a Povisa remóntanse “á ditadura, a 1973”, e que desde 1976 continuaron cos sucesivos gobernos, incluíndo a prórroga de 2008 co bipartito na Xunta. Centeno valorou a negociación de 2014 co goberno Feixoo porque “se incluíron obxectivos de calidade” así como “a voluntariedade” para a poboación de solicitar o cambio de centro. Mais esa voluntariedade topa con límites que impuxo a propia Xunta ao reducir as camas no novo Hospital de Vigo, “xusto as mesmas que ofrece Povisa”, sinala Montse Pardo, “que se converte nun centro privado imprescindíbel para a prestación dun servizo público”. O 70% das privatizacións sanitarias galegas está en mans de multinacionais, advirte Prado, “esa é a vontade do PP, que con Povisa fai o mesmo que fixo coas caixas, sanealas para logo vendelas a prezo de saldo”.

A oportunidade

A oportunidade de Povisa está no prezo. Eva Solla e Montse Prado pediron esta semana en Vigo, no debate ordinario no Parlamento e na comisión de sanidade que o goberno da Xunta considerase a posibilidade de adquirir Povisa. “A Xunta está como espectador, o conselleiro di que non entra nin sae na operación entre a propiedade e Ribera Salud”, comenta Solla. “Pero evidentemente estamos diante dunha ocasión para darlle a volta ás políticas privatizadoras, iso é ao que se nega o PP”. Solla pedira hai un ano que o goberno galego valorase a expropiación. Agora, a opción sería a compra. “Hai técnicos e xurídicos na Xunta para dicir cal pode ser a fórmula menos gravosa”, insiste. “A verdade é que non sabemos se estamos a tempo, pero volveremos pedilo no Parlamento”, di Prado, “non sabemos porque non se fai nada por intentar comprar Povisa”. E lembra que se dá un interese público evidente sobre “un ben maior” e que hai precedentes de incorporación ao público de servizos que arrancaron sendo público-privados, os casos das fundacións dos hospitais de Verín ou do Salnés. Nesa demanda de BNG e os comúns aínda non está o PSOE. O seu representante na comisión de sanidade, Torrado Quintela, dixo esta quinta feira que moi de acordo na atención pública nun centro público e por persoal público, pero mellor esperar á renegociación do convenio en 2022. 

 

*Por erro, nunha versión anterior figuraba Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).