SOS Sanidade advirte da situación de "urxencia" nas áreas sanitarias

Pacientes na recepción do centro de Saúde de Baltar, en Sanxenxo. (Foto: Xunta da Galiza)
Concentración contra os recortes este domingo no Salnés

Representantes de SOS Sanidade Pública solicitaron esta sexta feira en Pontevedra o apoio á manifestación prevista para o domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela baixo o lema "Pola sanidade que queremos e merecemos", que organiza este colectivo para alertar da situación de "urxencia" que se vive en todas as áreas sanitarias galegas.

Juan Manuel Loureiro, portavoz da agrupación en Pontevedra, desligou esta convocatoria de protesta das eleccións galegas aclarando que a manifestación, que finalizará na praza do Obradoiro, foi solicitada o 1 de decembro de 2023, antes de que se fixase a data dos comicios.

Loureiro explicou que nesta manifestación exixirase a execución de 13 medidas no eido sanitario público galego, entre elas o incremento do orzamento sanitario; o aumento do persoal de medicina familiar, pediatría e enfermería; a apertura dos centros de saúde fechados e a creación de novos espazos onde sexa necesario, máis ambulancias asistenciais e medicalizadas e un plan para racionalizar as listas de espera hospitalarias. 

Entre as reivindicacións desta organización tamén está garantir que a atención médica e o control da saúde das persoas dependentes se faga a través da sanidade pública, así como a reintegración ao sistema público dos servizos privatizados. 

Así mesmo, na protesta pedirase a elaboración consensuada dun plan de saúde mental, a eliminación da precariedade laboral no sistema sanitario público, estabelecer concursos públicos transparentes e abertos para cubrir a xestión da sistema sanitario público galego, restabelecer as xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamento propio, reorientar o sistema ao modelo comunitario e participativo, así como acabar co emprego irracional dos fármacos e das novas tecnoloxías.

Ademais, Loureiro anunciou que este domingo terá lugar unha concentración en Portonovo, no municipio de Sanxenxo (O Salnés), en protesta polas deficiencias no centro de saúde de Baltar, a cal decorrerá diante das instalacións do mesmo.