Un "SOS" masivo fronte a xestión municipal de Ourense

Rolda de presentación da plataforma ourensá. (Foto: SOS Ourense)
Máis de medio cento de colectivos ambientais, culturais e veciñais presentan a plataforma SOS Ourense, que representa unha "chamada de auxilio contra o desastre" do Goberno local dirixido por Gonzalo Pérez Xácome en coalición co Partido Popular. Esta sexta feira anunciaron unha mobilización para o próximo día 18 de novembro.

O tecido cidadán de Ourense segue decidido a trasladar á clase política da cidade e ao resto da sociedade galega o seu malestar pola xestión municipal que vén realizando Democracia Ourensá (DO), co alcalde Gonzalo Pérez Xácome á cabeza, por momentos en coalición co Partido Popular.

Após aproveitar Samaín para a última das mobilizacións en protesta polo baleiro cultural que, din, están a padecer, esta sexta feira máis de 50 asociacións e entidades ambientais, sociais e culturais presentaron o froito do seu esforzo: o movemento, ou plataforma, SOS Ourense.

Nunha presentación na rúa, explicaron que esta ferramenta cívica é "unha chamada común de auxilio". Para que ou contra que? "Contra o desastre do Goberno municipal", do que sinalar quer Xácome, quer o PP.

Co impacto sonoro do código morse de SOS e un pequeno grupo de percusión, SOS Ourense deuse a coñecer ás portas do Auditorio de Ourense coincidindo coa celebración da sesión plenaria ordinaria do mes de novembro, para darlle visibilidade a esa "chamada de auxilio" na que insistiron en diversas ocasións durante a comparecencia pública.

"Ourense ten que deixar de lado a pasividade, froito de décadas de clientelismo e unha política social e cultural en dirección oposta ao ben común", reclamou a plataforma.

Así mesmo, presentáronse cun manifesto no que afirman que "Ourense sofre unha profunda crise social, ambiental e cultural". 

Protesta colectiva o 18 de novembro

En consecuencia, solicitan a implicación cidadá e participación masiva na manifestación que organizan diante da Subdelegación do Goberno español, o próximo día 18 de novembro ás 19.30 horas.

"Contra a urbanización especulativa, a degradación do medio natural, o baleirado sen sentido e o feche das institucións culturais, a desaparición da concellaría de igualdade, o feche da Universidade Popular, o feche do Museo Municipal, o abandono das termas e contra un longo etcétera máis", enumeraron sobre os motivos que existen para saír á rúa.

Así, instan á veciñanza a "traballar xuntos para cambiar o estado das cousas e para parar o desastre ao que nos leva o goberno de Xácome e o PP que demostraron ser un problema sen solución".