SOS Encrobas, a comarca de Ordes chama a alegar contra o espolio do rural

Cartel da plataforma SOS Encrobas contra o proxecto de parque eólico que ameaza a súa contorna.
A plataforma veciñal fai un chamamento ao activismo cidadá en contra de dous proxectos enerxéticos que ameazan o futuro da comarca de Ordes: a privatización da auga do lago das Encrobas mais un parque eólico que deixaría as aldeas da parroquia de Cerceda "rodeadas de aeroxeradores de 200 metros de alto".

A plataforma SOS Encrobas, apoiada pola asociación Petón do Lobo e o colectivo Salvemos a Comarca de Ordes, lanzan un chamamento a toda a poboación, tanto dos concellos de Cerceda, Ordes e Carral, afectados directamente, como do resto da Galiza, para que "se mobilice contra os dous proxectos que ameazan o futuro das Encrobas" e a súa contorna.

Trátase do Parque Eólico Meirama, promovido por Naturgy, que contempla 13 aeroxeradores de 200 metros de alto situados nas proximidades de se localiza a central térmica pendente de demolición tras cesar a actividade. E da solicitude de aproveitamento hidráulico do lago das Encrobas presentado pola empresa Tasga SL ante Augas da Galiza para "poder privatizar novamente ese espazo que Fenosa arrebatou ao pobo das Encrobas no século pasado para explotar a mina de carbón a ceo aberto". Tras fechar a mina, encheuse coa auga derivada de varias canles fluviais durante os últimos anos “para, en teoría, converter a zona nunha paraxe natural”, denuncian.

O parque eólico  deixaría as aldeas da zona totalmente rodeadas de muíños xigantes como a cheminea máis alta da central térmica

Ambos os dous están en fase de tramitación e co prazo aberto para poder alegar na súa contra ante a Xunta da Galiza.

Futuro digno

Desde SOS Encrobas consideran que tanto un proxecto como o outro son un exemplo máis do continuo espolio ao que as empresas eléctricas, "nunca saciadas", queren someter o país, "para beneficio propio e en detrimento da veciñanza e dun futuro digno para a xente que vive no rural".

Así, advirten que de saír adiante o parque eólico proxectado, deixaría as aldeas da zona totalmente rodeadas de "muíños xigantes como a cheminea máis alta da central térmica". O dano afectaría a perto dunha vintena de núcleos de poboación ademais de ás Encrobas, Cerceda, Mesón do Vento, Carral, Ordes e o monte Xalo.

Período de alegacións

Desde a plataforma fan un chamamento urxente a presentar alegacións a calquera destes dous proxectos. O prazo para aducir razóns contra o proxecto do parque eólico de Meirama remata o 7 de setembro, mentres que contra o proxecto de aproveitamento hidroeléctrico privado do lago das Encrobas finaliza o 20 de agosto. En ambos os dous casos pódense formalizar ben en calquera rexistro físico das Administracións públicas ben vía electrónica.

“Despois de todo o que significou a mina de carbón, das aldeas e vidas que desfixo, a historia de loita labrega símbolo para toda Galiza no século pasado, agora que a térmica cesou a súa actividade, e a mina se reconverteu nun lago e paraxe natural, non queremos máis industrias irresponsábeis, queremos que se recupere naturalmente toda a zona e que se lle devolvan as terras ao pobo de verdade para un aproveitamento sustentábel e respectuoso, co medio e coa xente, compatíbel cunha vida rural en harmonía”, defenden.