Sortes e resortes: a observación "máxica" como método de predición meteorolóxica

O ano comezou cun temporal de chuvia que anegou varias comarcas da Galiza, entre outras a da Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O refraneiro popular está inzado de ditos asociados ao tempo, ao cronolóxico mais tamén ao meteorolóxicos, ás estacións e ás condicións climáticas de cada período. Saber que tempo vai vir foi sempre un devezo, mais tamén unha necesidade, sobre todo para a xente do campo.

Ao longo da historia o rural  deulle continuidade a distintos métodos de predición e acolleu con devoción vaticinios como os que desde finais do século XIX comezaron a achegar distintos calendarios agrícolas que ademais dun almanaque incluían  un prognóstico meteorolóxico para cada mes do ano.

O Zaragozano, de proxección estatal, foi un dos primeiros. Comezou a editarse en 1840. Case dúas décadas despois viu a luz O gaiteiro de Lugo, unha publicación anual que impulsou o impresor e activista cultural Manuel Soto Freire co nome de Calendario de Galicia e máis tarde Calendario Gallego. O primeiro número saíu na cidade de Lugo en 1857, mais non sería até 1927 cando adoptou a cabeceira definitiva.

A iniciativa de Xosé Filgueira Valverde, en 1936 incorporou o galego como lingua única, con predicións, consellos, feiras, brincadeiras e prognósticos do tempo moi estimadas polo rural mais sen ningunha base científica.

Foi o precursor do Mentireiro Verdadeiro, outro calendario agrícola promovido polo crego José Regadío en Palas de Rei.

Cando aínda non había acceso aos satélites meteorolóxicos nin a posibilidade de consultar o tempo para as próximas horas ou os próximos días no momento, a golpe de clic, a xente botaba man destas guías, mais tamén doutros métodos de predición que a etnografía se encargou de rexistrar.

Sortes e resortes

Nun traballo sobre o folclore tradicional na zona de Melide Vicente Risco aseguraba que "o máis empregado para saberen o tempo que vai haber polo ano adiante é botar as sortes e resortes", un método ao que nalgunhas zonas da Galiza lle engaden as contrasortes. É o caso da Mariña, explica en declaracións a Nós Diario o escritor e investigador da cultura popular galega Antonio Reigosa, quen soubo desta tradición grazas ao traballo etnográfico de Eduardo Lence-Santar no contorno de Mondoñedo, Valadouro, Pastoriza e Riotorto.

Na comarca do Deza, onde o antropólogo Rafael Quintía recolleu esta práctica para saber do tempo, só botaban as sortes e resortes nos primeiros días do ano. "Os cambios de ciclo son datas propias para a adiviñación. No caso das sortes, fanse nos primeiros 12 días de xaneiro, de forma que o tempo que faga o día 1 corresponderase co tempo que fará ese primeiro mes, o día 2 co de febreiro, o 3 con marzo, e así". A partir do día 13 iríase ás resortes, para tratar de confirmar ou afinar o prognóstico inicial coa observación do tempo durante outros 12 días, até o 24.

Hoxe, o traballo das mulleres e dos homes do tempo, "fan inservíbel" este método, asegura Reigosa, quen reduce ao "snobismo" duns poucos esta ferramenta de comprobación. 

Areas de sal

A ansia por adiviñar o tempo para o resto do ano era unha práctica bastante estendida por todo o territorio, di Quintía, quen apunta outras fórmulas de coñecemento "sen ciencia ningunha". É o caso das témporas, outro método de observación en datas chaves do ano, ou das areas de sal. "Collían un calendario e poñíanlle unha area de sal a cada mes. Dependendo de se se derretía ou se mantiña seca concluían como ían vir os días". "A fiabilidade de todos estes métodos é relativa. Ten máis de máxico que de empírico", conclúe Reigosa.