'Sortes' e 'resortes' ante a ausencia de satélites

Un home camiña por unha estrada cuberta pola neve (Foto: Arxina)
Este peculiar método de predición meteorolóxica era moi habitual na Galiza dos nosos devanceiros.

Que tempo vai facer o vindeiro mes? Hoxe podemos sabelo en menos dun minuto facendo en Google unha procura rápida, mais houbo un tempo, aínda que hoxe nos pareza moi afastado, no que os satélites meteorolóxicos non estaban en órbita para facilitarnos o día a día.

Nunha Galiza que dependía en gran medida do sector agrogandeiro hai apenas un século, os nosos devanceiros precisaban coñecer o clima para saber cando era máis axeitado sementar os campos ou recoller os produtos da colleita. Non podían consultar Meteogalicia, mais si dispuñan dos seus propios métodos de predición do tempo grazas á tradición popular.

Un método sen rigor científico mais con certo 'contraste'

As 'sortes', 'resortes' e 'contrasortes' ofrecían un prognóstico para os doce meses do ano, simplemente observando e tomando boa nota da climatoloxía das semanas iniciais do ano: as 'sortes' correspóndense cos primeiros doce días; as 'resortes', do 13 ao 24, e as 'contrasortes', do 25 de xaneiro ao 5 de febreiro. As primeiras, segundo a tradición, amosan como vai ser o tempo ao longo de cada mes, mentres as dúas seguintes serven para reforzar estas predicións ou, en caso contrario, desbotalas. Isto é, se os días 2, 14 e 26 de xaneiro predominasen a choiva e as baixas temperaturas, poderiamos prever un mes de febreiro frío e chuvioso.

"É un método asociado ao ciclo solar e á división do ano en doce meses, que interpreta os primeiros días do ano como un prognóstico do que vai acontecer no futuro e repíteo en tres ocasións para confirmalo", relata a Nós Diario o escritor e experto en mitoloxía popular Antonio Reigosa. Sinala que se trata dunha fórmula "que intenta afinar o mellor posíbel a medición do tempo para predicir o futuro e anticipar o que poida acontecer para estar preparados", mais salienta que se trata dunha cuestión "máis simbólica que racional".

As 'sortes', 'resortes' e 'contrasortes' teñen en conta todas as variábeis: "Non se trata só das precipitacións, hai que valorar tamén a temperatura, a humidade, a claridade...", matiza Reigosa.

Outras fórmulas

Porén, o das 'sortes' non era o único método empregado polos nosos devanceiros para coñecer o tempo meteorolóxico. Na Galiza eran moi habituais tamén as 'cabañuelas', un prognóstico a longo prazo que se realizaba en agosto para predicir o clima do ano vindeiro. Dun modo semellante ás ‘sortes’, toma como referencia os doce primeiros días para definir o tempo de cada mes, e os doce últimos para contrastar: "Trátase de dous ciclos, de ida e volta, para facer unha estimación o máis veraz posíbel", expón o mitólogo.

Outro modo de prever o clima son as témporas, un método empregado pola Igrexa católica: "Hai estudos que din que xa se practicaba na Roma precristiá, mais que a Igrexa adaptou ao seu calendario dividido en catro etapas, que serían Advento, Nadal, Coresma e Pascua", sinala Reigosa. Neste caso, os tres días finais de cada ciclo predirían a meteoroloxía dos tres meses seguintes.

Na Galiza salienta tamén o 'repertorio da cebola', que consistía en espir este vexetal e colocar as súas capas nunha xanela cun chisco de sal enriba, na noite do 31 de decembro. Ao día seguinte, o estado de cada capa marcaría o clima dos diferentes meses: "Se derretía o sal, sería un mes chuvioso", indica.

As 'sortes' predín que 2021 será un ano de baixas temperaturas

O mes de xaneiro comezou con temperaturas moi baixas e refachos de vento, acompañados de precipitacións na meirande parte do país. De confirmarse a predición do método popular das 'sortes', poderiamos dicir que 2021 será un ano marcado pola climatoloxía adversa.

"Semella que teriamos un primeiro semestre moi fresco, con todo, para afinar máis habería que agardar ás 'resortes' e 'contrasortes' e ver se se confirma a tendencia ou non", apunta Reigosa.