Un sorriso para Indomeni

[Imaxe Carlos Cazurro]

Pallas@s en rebeldía viaxou á fronteira entre Grecia e Macedonia onde permanecen atrapadas milleiros de persoas que solicitan asilo.

Sorrisos contra muros. Eis a arma que levou Pallas@s en rebeldía á fronteira de Indomeni, entre Grecia e Macedonia (Espazo Shengen), onde se atopan miles de persoas refuxiadas que tentan continuar a súa andaina polo roteiro dos Balcáns, un espazo que foi fechado polas autoridades comunitarias após a imposición de duras restricións de entrada por parte do goberno macedonio. 

En Indomeni permanecen sobre o lameiro e sen máis axuda que a de organizacións humanitarias por volta de 13 persoas, moitas delas crianzas

Permanecen por volta de 13 mil en tendas de campaña nas que dormen ao raso situadas nun lameiro permanente por mor das choivas. No lugar unicamente proporcionan axuda (atención médica e comida principalmente) organizacións humanitarias (ACNUR e Médicos sen Fronteiras) para alén de voluntari@s. Sobre o terreo tamén operan as mafias, venden comida a prezos inasumíbeis e mesmo sacos de durmir ou tendas de campaña. A inacción e desleixo das institucións comunitarias, malia atopárense as persoas refuxiadas no seu territorio e en pleno Espazo Shengen, está a crear o caldo de cultivo perfeito para a extorsión humana. 

Até alí viaxaron na segunda feira (7 de marzo) Pallas@s en rebeldía, entre eles os galegos Iván Prado e Peter Punk. “Queremos compartir in situ a loita lexítima dos refuxiados por traspasar fronteiras para sobrevivir, e facer un chamamento á comunidade internacional para que asuma a súa responsabilidade nesta crise humanitaria, política e territorial. Refuxiarse non é ilegal, si o é a corrupción do sistema capitalista e pseudo-democrático que xerou esta situación de desigualdade e que demostrou o seu fracaso", sinalaba poucas horas antes de partir cara a Indomeni o voceiro do colectivo artístico-solidario, Iván Prado. 

As autoridades europeas acordaron deportar as persoas refuxiadas que cheguen a Grecia cara Turquía

Até o 10 de marzo clowns, equilibristas e malabaristas realizan funcións entre as crianzas do campamento co obxectivo, explican, de tentar tirar un sorriso ás persoas refuxiadas. 

A viaxe de Pallas@s en rebeldía coincide co principio de acordo alcanzado entre a Unión Europea e Turquía e que recibiron como unha xerra de auga fría na fronteira de Indomeni. Co roteiro dos Balcáns fechado e a ameaza da deportación a Ankara --desde onde viaxaron a Grecia-- agoira un futuro negro para as crianzas e familias que fuxen do conflito en Siria, mais tamén en Afganistán e o Iraq. 

Solidariedade 

Perante esta realidade o colectivo artístico-solidario lanzou un manifesto "en favor da liberdade de movemento" e un número de conta no que ingresar axuda económica en forma de doazóns: ES13 2100 4333 1502 0005 4202

Pallas@s en rebeldía denuncia o "racismo" das políticas europeas e defende o "nomadismo" humano como "forma de supervivencia"

No tento denuncian os "muros e aramados que Europa continúa a erguer perante a desesperación de milleiros de persoas". Neste senso, defenden o "carácter lexítimo do nomadismo e das migracións humanas" como "forma de supervivencia". Aliás, denuncian publicamente as "racistas políticas migratorias da Unión Europea" así como "as abusivas e discriminatorias políticas macro-económicas que xeran guerras, fame e xenocidio económico-social en favor do capitalismo". 

Amosan tamén o seu rexeitamento á "adhesión de Turquía á UE" por se tratar dun "troco de intereses" unha "descarada e inquietante mostra do desinterese por parte da UE en construír un escenario democrático e plural" no que se están a usar as persoas refuxiadas como "moeda de cambio".