"O 'terrorismo lúdico' é defender a humanidade a través do sorriso e da rebeldía"

Iván Prado é integrante de Pallasos en rebeldía, un movemento cultural, social, que defende "a humanidade" a través do sorriso. Do humor. Con este "espazo de solidariedade internacional" viaxan ao centro dos conflitos que atinxen os pobos sahariano e palestiniano mais tamén ás comunidades indíxenas mexicanas. Desde o Líbano, partillou unha conversa 'virtual' con Sermos Galiza.

 

Estades no Líbano traballando nos campos de refuxiados palestinos.
Como está a ser a experiencia?

En primeiro lugar, dicir que no Líbano traballamos en outubro: fixemos unha caravana durante unha semana que foi unha experiencia extraordinaria, porque nos permitiu estar en catro campos de refuxiados coñecendo a situación tráxica e terrorífica que están a vivir catrocentas mil persoas máis outras cento e pico mil que están chegando de Siria, tanto refuxiados palestinos dese país como sirios.

Foi extraordinario porque atopamos un pobo cheo de gañas de loitar pola liberdade e de resistir a ocupación israelí e o apartheid que viven no Líbano. Gañas, tamén, de sentirse acompañado polo circo, pola fraternidade humana e pola tenrura dos pobos. Fomos moi ben acollidos, con moito cariño; dispensáronnos un trato excepcional. A pesar de que vivimos situacións duras, foi maravilloso. Neste caso estamos organizando o Festiclown Palestina 2014, que vai ser do 12 ao 20 de xaneiro.

Estamos mantendo xuntanzas e entrevistas con artistas, visitando intelectuais, teatros, embaixadas... coñecendo os campos de refuxiados que non visitaramos... É unha descuberta enorme nun país cheo de contrastes, con grandes conflitos civís, bélicos e económicos, cun terrorífico apartheid sobre a poboación palestina.

"Estamos completamente convencidos de que o FestiClown é unha ferramenta de construción de alegría, liberdade e futuro"


Por outra banda, é emocionante vir a este país, excepcional a nivel cultural e cunha mestura de relixións, culturas e procedencias enorme... e atopármonos con este conflito, que está a piques de desembocar nunha guerra civil. A pesar de todo, aínda ten un pulso e unha vitalidade humana extraordinarias.

Estamos felices por construírmos esta segunda edición, este soño de traer a esta Palestina no exilio o Festiclown, completamente convencidos de que o Festiclown é unha ferramenta de construción de alegría, liberdade e futuro.


Fóstedes testemuñas do asasinato dun refuxiado... Non é doado desprenderse da realidade nos campamentos, non?

Non é doado, non. Pero non o é só polos conflitos, os asasinatos ou trifulcas entre as diferentes faccións armadas da realidade palestina, co conflito sirio como marco, a presenza de Hizbullah, etc.

Éo, tamén, porque hai unha pobreza extrema, un terrorífico amontoamento de persoas que viven en condicións infrahumanas nese apartheid de xente sen terras, sen pasaporte, sen Estado, nun país no que non poden exercer ata setenta profesións diferentes, un país no que teñen prohibida a actividade política, no que non poden comprar casas nin terras e viven como en gaiolas en campos de refuxiados como o de Shatilla, duns 500x500 metros no que viven ao redor de 35.000 persoas.

Finalmente, non é doado porque tampouco é doado desprenderse da realidade da ocupación militar israelí, do xenocidio sistemático que Israel leva a cabo e da inxustiza tremenda que padece este pobo, que leva setenta anos ocupado e que ten os dous terzos da súa poboación esparexida no exilio.

Mais pallasos en rebeldía tamén leva as súas "armas", non si? 
Que é iso do "terrorismo lúdico"?


Traemos as nosas ferramentas, os nosos escudos, as nosas “armas de diversión masiva”, termo que alcuñamos durante a segunda Guerra do Golfo. Para nós, as “armas” do pallaso basicamente son a súa capacidade para espirse diante do público, para “abrirse en canal”, entregarse ao ridículo e converter iso en alegría, en esperanza... alquimizar a estupidez humana converténdoa en arte.
Tamén temos as “armas” concretas, as físicas, que son as tortas de nata, os nosos malabares, os nosos pinchacarneiros...

O “terrorismo lúdico” é defender a humanidade a través do riso e da rebeldía contra o poder, contra o mal goberno e un sistema, o capitalista, que é inxusto e xenocida, cuxas mentiras desmontamos mediante as técnicas dos pallasos. O “terrorismo lúdico” é levar a alegría a lugares a onde a poboación loita por sobrevivir para así enfrontar o verdadeiro terrorismo, que de Estado, de mercado e de sistema económico.

Pallasos en rebeldía xurde en Galiza mais xa se espalla por todo o mundo. Mesmo organizástedes o Foro Internacional de Circo Social.
Cal era o obxecto deste encontro e como valorades o resultado?

O obxecto deste encontro foi tecer complicidades, relacións, coñecemento... para facer unha rede entre distintos proxectos de circo social, extraordinarios e únicos, que podemos atopar desde Palestina até Colombia, pasando por Bolivia, Brasil, Barcelona, Madrid... e atopar estes lugares comúns que ten a xente que cre que o circo é unha ferramenta de transformación social, un lugar para a construción da utopía, un lugar no que caiba toda a humanidade.

Tivo o grande éxito de nos permitir aprender, a partir de culturas distintas, como facer do circo social unha realidade cada vez máis presente a nivel artístico e social. Conseguimos que durante eses días houbese un gran despregamento de coñecementos, de experiencias e capacidade de resistencia ante a situación actual de desmobilización da sociedade e de mercantilización das artes. Tamén logramos planificar a medio prazo varios encontros máis, entre eles o que terá lugar en maio do 2014 no marco do Festiclown Favela, no Rio de Janeiro, e posiblemente un Encontro de Circo Social Galego-Portugués, seguramente de aquí nun ano.

"O humor é todo o contrario a unha fronteira: é o que serve para conectar, para comunicar e para unir os corazóns e olladas"


O humor non ten fronteiras?

Nin o humor nin o amor, nin o ser humano, nin o coñecemento, nin a xustiza, nin a democracia, nin a dignidade, nin a esperanza nin o futuro! As fronteiras son sistemas ilóxicos, insignificantes desde o punto de vista temporal e desde o punto de vista desta comunidade de corazóns que chamamos humanidade. O humor é todo o contrario a unha fronteira, a un muro: é o que serve para conectar, para comunicar e para unir os corazóns e olladas das persoas do xeito máis rápido.

Para 2014 xa estades preparando o FestiClown Palestina que queredes levar ao Líbano para o que procurades axuda económica através de Verkami.
En que consiste o proxecto?


Consiste, basicamente, en facer o mesmo que se fixo en Galiza durante doce edicións en diferentes cidades: levar un “Entroido” de alegrías, risos e arte, tomar as rúas e os corazóns, tomar as rúas e os teatros cunha mensaxe de liberdade e utopía a través do clown e do circo. Tamén tivemos a ocasión de facelo en Nablús, Ramala, Xerusalén e Cisxordania no 2011. [Podes ver o documentario realizado arredor do FestiClown 2011 nesta ligazón].

Consistirá en diferentes actividades, en colexios, teatros, rúas e centros sociais de cinco ou seis campamentos de refuxiados neses dez días de festival. Faremos moitos encontros coas comunidades locais palestinas e sirias para coñecer a realidade da guerra siria e da ocupación militar e de exterminio que practica Israel. Durante uns días procuraremos, desde as artes do pallaso e do circo, saltar o muro de silencio e mentiras que padecen os palestinos nos campos de refuxiados, brincar por riba do conflito armado e pór en práctica a tenrura entre os pobos que define a solidariedade internacional.

Cales son os principais problemas que atopades para conseguirdes financiar os proxectos de Pallasos en Rebeldía?

Fundamentalmente, a apatía de certos sectores do mundo da arte, a desidia de certas entidades profesionais e artísticas que lles dan as costas sempre a estes proxectos, así como a neglixencia dos gobernantes de Galiza, do Estado español e toda Europa no que atinxe á creación dun tecido solidario-artístico e un compromiso coa humanidade e os dereitos humanos a través da arte. Tamén, en poucas ocasións, temos que loitar contra o fascismo implícito das políticas culturais da maioría de gobernos do PP.