Sonia Villapol, neurocientífica: "Cada reinfección aumenta o risco de padecer unha Covid persistente"

Sonia Villapol é parte do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19. (Foto: Nós Diario).
A carreira do virus da Covid por burlar a inmunidade e garantir a súa transmisión está a aumentar o risco de infección en persoas vacinadas e previamente contaxiadas. 'Nós Diario' conversa coa profesora e investigadora Sonia Villapol (Bretoña, 1977), que segue a estudar evolución e consecuencias da Covid desde os EUA.

—O coronavirus parece cada vez máis hábil para reinfectar as persoas. Somos máis vulnerábeis a contaxiarnos por segunda ou terceira vez?
Hai moitas reinfeccións porque o virus está a circular máis rápido ca nunca. Débese a que a subvariante Ómicron BA.5, que é a máis predominante agora mesmo, leva mutacións na proteína de espiga, o que a fai máis transmisíbel e contaxiosa. Tamén esquiva o sistema inmunitario. Así, as persoas son máis vulnerábeis á reinfección, especialmente se pasaron máis de 90 días desde a enfermidade anterior ou a última picada.

Aínda que Ómicron parece máis leve, podería ser un reflexo dos grupos que foron enfermando durante a onda do inverno pasado, xente nova e sen problemas de saúde, totalmente vacinada. Estamos nunha fase de alta inmunidade, por iso semella que Ómicron presenta menos síntomas.

Pero está demostrado que é a máis transmisíbel, cun incremento das reinfeccións. E se a inmunidade baixa, a enfermidade pódese agravar. Por iso se recomenda ás persoas de 50 anos ou máis que reciban as segundas doses de reforzo para protexerse da diminución da inmunidade das vacinas.

—Con todo, as novas variantes non alteraron a súa utilidade. As persoas que se reinfectan non están a enfermar de maneira grave.
Certo, a inmunidade producida polas vacinas ou por infeccións previas segue a reducir nunha alta porcentaxe as hospitalizacións e mortes, e están bloqueando polo momento a gravidade da enfermidade. Na súa maior parte é probábel que as reinfeccións sexan menos graves que as infeccións anteriores, grazas a niveis máis altos de inmunidade.

Padecer síntomas de Covid persistente afecta significativamente á calidade de vida, e require unha atención clínica personalizada

Lembremos que as vacinas non remataron coa pandemia, pero si salvaron máis de 20 millóns de vidas só o ano pasado. Pero ben é certo que as novas variantes, tal e como está pasando coa BA.5, son até catro veces máis resistentes cas variantes anteriores en persoas vacinadas coa dose de reforzo, protexendo un pouco menos. 

—Hai forma de sortear este avance do virus que promete máis contaxios e reinfeccións?
A resistencia da resposta inmune que está a producirse coa evolución das variantes do SARS-CoV-2 non consiste só en neutralizar anticorpos. Tamén está a implicar a nosa inmunidade innata, bloqueando o interferón, a nosa primeira liña de defensa fronte ás infeccións por Covid. A inhibición máis extensa do interferón é unha característica distintiva de BA.4-5, en comparación con BA.1, BA.2 e variantes anteriores de preocupación, como se mostra nun informe recente; polo que a medida que transcorre o tempo a nosa inmunidade baixa e as novas subvariantes son cada vez máis transmisíbeis e darán lugar a máis contaxios e reinfeccións entre as persoas vacinadas. 

A forma de frear a transmisión é coas vacinas nasais, para acadar a inmunidade das mucosas respiratorias

A solución está en romper a cadea de transmisión para a contención do virus, reducindo así a posibilidade de desenvolver Covid persistente. A forma de conseguir isto é coas vacinas nasais, para acadar a inmunidade das mucosas respiratorias en toda a poboación e frear a transmisión. Aínda que nos parece que xa todo rematou, non é así se o virus segue coa súa capacidade acelerada para evadir a nosa resposta inmune e aumentar a súa transmisibilidade. Fai falla que as seguintes vacinas poidan bloquear o contaxio e non desperdiciar o éxito inicial das vacinas.

—Cada contaxio aumenta a posibilidade dunha Covid persistente?
Sen dúbida, cada infección engade risco na sintomatoloxía tanto na fase aguda como na postaguda, polo tanto, a medida que nos reinfectamos é máis probábel que padezamos Covid persistente. Cada infección supón un novo risco que é acumulativo. Incluso a Covid leve pode arrastrar síntomas persistentes. A xente pode ter a idea errónea de que cunha infección anterior o seu sistema inmunitario combaterá de forma máis eficaz a seguinte, pero non é de todo certo debido á fuga inmune da BA.5 e a pouca protección que ofrecen as infeccións en comparación coas vacinas.

Ómicron ten un 50% menos de probabilidades de causar Covid a longo prazo que a súa predecesora Delta

Non podemos pensar que as reinfeccións van ser leves e que non suporán un problema importante a longo prazo. As reinfeccións aumentan o risco de problemas pulmonares e cardíacos, fatiga, trastornos dixestivos e renais, diabetes e problemas neurolóxicos a longo prazo.

—Que relación garda Ómicron coa Covid persistente?
Ómicron ten un 50% menos de probabilidades de causar Covid a longo prazo que a súa predecesora Delta, pero estes datos dependen da inmunidade máis que da capacidade infecciosa de cada variante. Ademais, aínda que a taxa de Covid de longo percorrido parece ser menor, moita xente infectouse e reinfectouse, polo que o número real de persoas afectadas por Covid persistente coa variante Ómicron é moi alto. 

Un estudo recente de Inglaterra, que incluíu a mil persoas con Covid persistente, identificou que 19% estaban infectadas con Ómicron, 27% con Delta e 33% antes de Alfa. Outros datos apuntan que 4,5% dos casos Covid tras a onda de Ómicron padeceron síntomas persistentes comparado con 10% de durante o período de Delta. Ademais, o raro e potencialmente fatal Covid MIS-C pediátrico (síndrome inflamatorio multisistémico), que tamén arrastra síntomas persistentes, diminuíu notabelmente con Ómicron, que é un 95% menos que con Alfa. Precísanse máis datos para avaliar o impacto real nas persoas infectadas polas mesmas variantes, e sobre todo para coñecer o impacto da subvariante BA.5.

—Advírtense novos síntomas a longo prazo?
As subvariantes de Ómicron BA.4 e BA.5 son as máis transmisíbeis e agora están a provocar reinfeccións masivas porque portan mutacións clave que lles axudan a escapar dos anticorpos xerados tanto polas vacinas como polos fármacos, e pola maioría dos tratamentos con anticorpos, o que deixa a moitas persoas vulneábeis á reinfección e, polo tanto, a un maior risco de desenvolver Covid-19 persistente. Para as persoas que foron vacinadas pero que non tiveron a dose de reforzo, os síntomas típicos incluían máis tose, máis febre e máis fatiga que os que recibiron doses adicionais.

As persoas con néboa cerebral descríbense como previamente sas e algunhas apuntan unha infección aguda leve

Aínda que os síntomas iniciais despois da infección con Ómicron poden ser leves, non significa que as persoas non poidan experimentar fatiga crónica, dores de cabeza e trastornos do sono durante catro ou máis meses despois da infección, aínda que fosen vacinadas. As persoas con néboa cerebral, un síntoma da enfermidade que pode manifestarse como perda de memoria ou falta de concentración, descríbense como previamente sas e algunhas apuntan unha infección aguda leve.

Tamén as diferentes variantes do SARS-CoV-2 poden dar lugar a diferentes síntomas persistentes. Por exemplo, coa versión orixinal da variante Ómicron, a perda de sabor e olfacto non era tan común como coas variantes anteriores Alfa e Delta. Non obstante, coa propagación de BA.4 e BA.5, ese síntoma parece que volveu. Tamén sabemos que as mulleres superaban en número aos homes en ambos os grupos, un 55% para Ómicron e un 59% para Delta. Pero as persoas de ambos os grupos tiñan unha idade similar (53 anos de media) e tiñan unha taxa similar de comorbilidades (arredor de 19%).

—Algúns estudos apuntan tres causas como as máis probábeis: coágulos de sangue de pequeno tamaño, virus persistente no organismo e sistema inmunitario descontrolado. Que se sabe?
Existen varias hipóteses que explicarían a causa da Covid persistente e algunhas poden coexistir, polo que deberían considerarse tratamentos personalizados. Pénsase que se debe a unha inflamación crónica como resultado dunha resposta inflamatoria esaxerada no corpo que se transforma rapidamente en inflamación, dano microvascular e formación de pequenos coágulos. Outra causa son os reservorios do virus que o organismo non foi capaz de eliminar por completo.

Recentemente descubriuse que a proteína espiga do SARS-CoV-2 estaba presente en 65% dos pacientes con Covid persistente até un ano despois da infección

Recentemente descubriuse que a proteína espiga do SARS-CoV-2 estaba presente en 65% dos pacientes con Covid persistente até un ano despois da infección. Isto produciría a inflamación crónica nos tecidos que provocaría algúns dos síntomas asociados. Tamén se di que este reservorio viral produce disbiose da microbiota intestinal e alteracións gastrointestinais e do sistema inmunitario. Finalmente, a autoinmunidade e o ataque aos nosos tecidos por autoanticorpos xerados despois da infección. 

—Un 30% dos doentes con long Covid refire síntomas neurolóxicos. Son os máis comúns?
Antes da pandemia xa sabiamos que as enfermidades virais poden causar inflamación que afecta o cerebro, e a Covid-19 non ía ser unha excepción, de feito, os síntomas da enfermidade persistente son principalmente os neurolóxicos. No noso estudo de Covid persistente publicado en Nature Scientific Reports o ano pasado identificamos un predominio de síntomas como a perda do olfacto e do gusto, mareos, confusión, ansiedade, perda de memoria e mesmo paranoia asociada ao sistema nervioso. Os síntomas neuropsiquiátricos ou os danos cerebrovasculares requiren un maior período de tempo para recuperarse, polo que o Neuro-Covid persistente é máis duradeiro e, lamentabelmente, estes síntomas carecen de tratamentos eficaces.

Os síntomas poden ser únicos, múltiples, constantes, transitorios ou flutuantes, e a súa natureza pode cambiar co paso do tempo. A boa nova é que van remitindo co paso do tempo, desaparecendo moitos deles transcorrido un ano da infección, e tamén a inmunidade adquirida polas vacinas ou infeccións previas fai que os síntomas da Covid persistente diminuían. Pero é certo que moitos perduran, sobre todo os que afectan ao sistema nervioso, entre eles a fatiga crónica ou a morbilidade psiquiátrica, que poden seguir sendo clinicamente significativas anos despois.

—Moitas doentes denuncian que seguen a ser invisíbeis. Que ten que pasar?

Existe unha importante resistencia a recoñecer os síntomas persistentes, que son unha realidade clínica en adultos, crianzas e adolescentes. Pero a evidencia acumulada até a data demostrou que a Covid persistente é unha entidade clínica non totalmente definida nin coñecida, e con poucas asociacións diagnósticas e fisiopatolóxicas, e isto é o que fai complexo un diagnóstico e unha atención médica.

Por fin, o Ministerio de Sanidade definiu a Covid persistente coma conxunto de síntomas multiorgánicos despois do resultado positivo da infección do SARS-CoV-2, e que non foron atribuíbeis a outras causas. Unha definición moi xenérica que deixará a moita xente fóra por non poder demostrar o diagnóstico ao non facerse ao seu tempo a proba PCR oficial.

Precísanse pautas clínicas, mellores marcadores e tratamentos para abordar o diagnóstico e manexo da enfermidade

Tampouco hai tratamento para os síntomas persistentes até o momento, pero todos deben ser analizados polos especialistas que correspondan e canto antes para evitar que se convertan en secuelas. Aínda se están investigando as causas, os marcadores de diagnóstico e sen dúbida os tratamentos e terapias de rehabilitación. A Covid persistente afecta menos aos nenos, nenas e adolescentes que aos adultos, é dicir a prevalencia dos síntomas é moito menor, pero isto non significa que non poida afectar seriamente nas crianzas. Tamén sabemos que os síntomas dependen en gran medida do tempo que pasou despois de ter a Covid aguda. Padecer síntomas de Covid persistente afecta significativamente á calidade de vida, e require unha atención clínica personalizada. Hai unha clara necesidade de máis investigación sobre a fisiopatoloxía, a sintomatoloxía, as causas e as consecuencias da síndrome poscovid.

Precísanse pautas clínicas, mellores marcadores e tratamentos para abordar o diagnóstico e manexo da enfermidade. Requírese máis conciencia social para apoiar os sistemas de xestión clínica, monitorizar casos, estabelecer programas de rehabilitación e deseñar pautas e investigación terapéutica para comprender mellor a carga da Covid a longo prazo.