Soben 27% os casos

Estas son as residencias máis afectadas pola COVID-19

Un traballador, nunha residencia de maiores (Imaxe: Arxina)

A residencia San Carlos de Celanova e a DomusVi O Barreiro, de Vigo, son as que contan con máis persoas infectadas con coronavirus, con 45 e 74 diagnósticos positivos entre as persoas usuarias.

No día en que a Federación REDE anunciou a presentación dunha denuncia na Fiscalía, o número de casos activos en residencias de maiores galegas aumenta un 26,94% desde a sexta feira e afectaba, ás 15 horas deste sábado, segundo informou a Consellaría de Política Social, 190 persoas usuarias e a 55 empregados.

Desde a pasada xornada, a cantidade de maiores infectados aumentou en 42 persoas, o que supón un crecemento do 28,4%. En canto ao incremento entre os traballadores, rexistráronse 10 casos máis, unha subida do 22,2%.

Galiza alcanza os 245 casos positivos de coronavirus procedentes de residencias de maiores, o que corresponde ao 9,3% do total de infectados en todo territorio galego (2.627). A representación porcentual deste colectivo no total de afectados onte era de 8,7%.

Esta vez, foi a DomusVi O Barreiro a que elevou até esta cifra o número de maiores infectados. Onte contaba con 39 e hoxe con 74, case o duplo (+35). Este drástico incremento está relacionado cos resultados das probas que se realizaron na residencia para comprobar o estado dos seus usuarios.

Outras residencias nas que tamén se detectaron novos casos son: Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdoerras, cun total de dez positivos (+5) e Divino Mestre en San Rosendo (Ourense), que chega a 3 diagnósticos (+2).

A San Carlos de Celanova, que onte subiu dos 12 aos 45 casos, mantén as cifras da sexta feira. Dos seus 54 residentes, o 83% sofre coronavirus, 35 deles foron trasladados á residencia integrada de Baños de Molgas para ser atendidos alí polos servizos sanitarios, o resto permanece no centro.

As demais residencias continúan estábeis en canto a cifras. A DomusVi de Santiago é a terceira na lista (22), tras ela atópanse O Portazgo, na Coruña, (10), DomusVi Cangas (6), Nosa Señora da Esperanza de San Rosendo (5), Fogar Bellolar (4), Residencia Concepción Arenal da Coruña (2) e a de Castro Caldelas (2).

A todos eles súmanse os casos individuais que se rexistraron na Residencia de Arteixo, Nosa Señora do Carme en Fisterra, Residencia Betania en Viveiro, Nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis, Fundación José Otero de Santiago, DomusVi de Monforte de Lemos e o Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes (Crapd) de Vigo.

Positivos en traballadores e traballadoras

Os últimos diagnósticos positivos no colectivo de traballadoras e traballadores apareceron na DomusVi San Lázaro con once en total (+4), outros tantos que rexistra a DomusVi O Barreiro (+4), catro na nosa Señora da Esperanza (+1) e un novo en San Xosé (Ourense).

O resto de centros manteñen os datos do venres: 18 casos en Celanova, dous en Cangas, dous en San Pedro (Crecente), un en Bellolar, un no Portazgo e un en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), un en San Simón (Teo), un en CRAPD Vigo e outro na de Foz.

Centros para persoas con discapacidade

Nos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade os casos confirmados por Política Social aumentan até oito afectados (+1) en Aspronga (1), Redondela (4), Aixiña (1) e Santa Cruz de Rosendo (1) e na Residencia Dano Cerebral Cruz Vermella de Castro de Rei (1).

Ao mesmo tempo, a cifra de traballadores que padecen o virus mantense en seis: catro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos e outro na de Santiago.

En canto a estes centros, o sindicato de Unión Xeral de Traballadores (UXT) reclama que se realicen test a todos os traballadores e residentes destes centros para "que se poida prestar a asistencia sanitaria adecuada". Esta denuncia pública súmase á presentada pola CIG ante a Inspección de Traballo.

Pide á Consellería de Política Social que "teña en conta as características" das persoas con discapacidade, "que necesitan unha atención continuada do persoal para todas as actividades e rutinas da vida diaria", o que "impide gardar ningunha distancia de seguridade nin entre eles mesmos nin cos traballadores", apuntaron finalmente.