Esta sexta feira, novo debate no Parlamento

Que son os incendios de cuarta xeración?

Incendios Outubro 2017

A vaga de lume que afectou Galiza esta fin de semana pon sobre a táboa unha realidade que se vén fraguando desde hai tempo: un cambio na tipoloxía de incendios, cun lume cada vez máis devastador.

 

Incendios cada vez máis devastadores, que xeran unha situación de multiemerxencia con afectación non só para o propio medio-ambiente mais tamén para núcleos habitados e persoas, podendo xerar situacións de atrapamento con risco moi grave para as vidas humanas. Son os coñecidos como incendios de cuarta xeración, os chamados ‘interface’. Un cambio a respecto da tipoloxía tradicional do lume, con velocidades de propagación moito máis alta e que afectan núcleos habitados. Como os que nesta fin de semana asolaron Galiza e, nomeadamente, Portugal.

 

Este tema vai debaterse esta sexta feira na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galiza (a partir das 10.30 horas) grazas a unha pregunta do BNG. Os nacionalistas queren saber se o goberno galego é consciente desta nova realidade e está a dar os pasos necesarios para se adaptar á mesma. Porque, sinalan os nacionalistas, hai que actualizar os protocolos de actuación e adecuar medios humanos e materiais a estes incendios de cuarta xeración.

 

O deputado nacionalista Xosé L. Rivas ‘Mini, xa ten abordado este tema. “Os incendios que viña habendo en Galiza tiñan unha velocidade media de propagación duns 10m./minuto, é dicir, nunha hora avanzaban, máis menos, 600 metros. Un medio de extinción normal tanto helicóptero como terrestre é capaz de conter e domear este incendio nun período de tempo razoábel. O lume de Leiría avanzaba 55m./minuto, e isto é serio, nunha hora 3,5Km. En todas direccións. Lume convectivo. Non hai medio que sexa quen de atallalo”

 

No incendio de Verín deste verán a Xunta dispoñía de toda a potencia aérea que posúe para facer fronte ao lume. E non foi quen de impedir o devastador avance das lapas. 

 

Causas

 

Cais son os motivos que provocan esta mutación dos incendios a incendios de cuarta xeración? Os expertos apontan ao abandono do rural, á presenza de secas cada vez máis frecuentes, ben como altas temperaturas. Hai máis ‘carga de combustíbel’ nos montes galegos e cada vez máis próxima a núcleos habitados.

 

En Marea inquire sobre o grao de cumprimento do Pladiga

Na mesma sesión parlamentar, En Marea apresenta unha pergunta para o Goberno facer balanzo do grao de cumprimento do Pladiga, o plano de prevención e extinción dos lumes que postulaba como obxectivo para toda esta campaña un máximo de 15.000 hectáreas ardidas. Na mortífera vaga de incendios desatada a pasada fin de semana esa cifra foi máis que dobrada ao se queimaren 35.500.