Son habituais as neglixencias médicas na Galiza? O Defensor do Paciente alerta dun incremento nos casos

Un hospital madrileño, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Defensor do Paciente)
A asociación destaca Galiza como o quinto territorio do Estado onde se dan, sempre segundo as súas afirmacións, estos supostos erros. O ano pasado terían chegado, din, aos 709 casos.

A Asociación do Defensor do Paciente vén de facer pública a súa memoria anual de presuntas neglixencias médico-sanitarias, segundo a cal este tipo de casos aumentan na Galiza.

Sempre atendendo ás consideracións da entidade, o país sería o quinto territorio do Estado español onde máis se producen erros nun contexto sanitario.

En concreto, falan de 709 presuntos casos decorridos o ano pasado, o que implicaría un incremento do 28% respecto das estatísticas do exercicio anterior. Ademais, engaden, que 44 deses episodios tiveron o resultado de morte da persoa doente.

A Asociación do Defensor do Paciente traballa coas denuncias que lle chegan da cidadanía, que en todo o Estado español foron 13.156 pertencentes tanto ao contexto da sanidade privada como da pública.

Isto implica, aseguran, que tamén se notase un aumento a nivel global do 20%. Por territorios, os primeiros serían a Comunidade de Madrid (3.226 supostos casos), Andalucía (2.420) e Catalunya (1.704).

O colectivo tamén tramita queixas e reclamacións e indica que estas veñen dadas, sobre todo, polas listas de agarda. Así, alude aos servizos que provocan máis protestas entre a cidadanía: Cirurxía Xeral, Urxencias, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Odontoloxía, Ambulancias, Cardioloxía, Oncoloxía e Anestesia e reanimación, por ese orde, son sobre as que abren máis expedientes.

Os hospitais peor valorados

Respecto as reclamacións polos servizos de Urxencias, o Hospital da Paz de Madrid é o peor parado, aínda que fai fincapé na "caótica" situación do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), seguido do Complexo Hospitalario Universitario Insular en Las Palmas de Gran Canaria e o Hospital Virxe da Saúde en Toledo, dos que destaca unha "xestión deficiente".

"A escusa da Covid-19 xa non serve debido a que o sistema sanitario segue sen ser idílico pola falta de recursos persoais e materiais. A pandemia deixou ao descuberto as vergoñas do sistema nacional sanitario", lamentou a presidenta da asociación, Carmen Flores.