As Somozas exixe a fin da concesión da canteira das Viñas, que suma 25 anos

Un camión da empresa que quere abrir a instalación. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza advirte de que o permiso non se adapta ás leis actuais.

A veciñanza das Somozas concentrouse onte ás portas do Consistorio para demandar ao Goberno local que loite pola paralización dos traballos previos á apertura da actividade na canteira a ceo aberto das Viñas. As persoas habitantes dos núcleos habitados máis próximos á explotación rexeitan que exista actividade nese punto do municipio polos ruídos, o risco para a seguridade viaria nunhas pistas reducidas polas que estarían circulando camións de gran tonelaxe e, sobre todo, a posíbel afección ao medio ambiente. Neste sentido, exixen a fin dunha concesión cuxos informes ambientais datan de hai 25 anos. 

A poboación do concello comenta que a empresa que quere explotar esta canteira, -que nunca chegou a estar activa porque a empresa que tramitou o permiso para extraer áridos desistiu, logo entrou en concurso de acredores e, finalmente, o proxecto quedou abandonado- conta co rexeitamento "case unánime" da poboación, que xa acudiu ao Parlamento para intentar parar a concesión da man do BNG. 

Un dos veciños, Adrián Martínez, afirma que non entenden que a compañía pretenda comezar coas mesmas condicións "que nos anos 90 por todos os cambios lexislativos en relación a este tipo de explotacións" decorridos desde entón, "sobre todo medioambientais". 

Ven con "preocupación" este posíbel desembarco dunha industria que vai deixar residuos no aire por ser a ceo aberto debido a que a situación mudou desde que se concedeu a autorización en 1996. Igualmente temen o tránsito de camións e maquinaria pesada "por pistas pequenas" e así o fixeron saber cunha acción na que impediron o paso destes vehículos.

A veciñanza da zona afectada -que é a segunda con maior poboación das Somozas- reitera que non se pode basear o inicio da actividade industrial nuns estudos e permisos que teñen 25 anos porque as leis, as normativas e mesmo a situación da contorna mudou. 

Emisións 'turísticas'

Respecto ás emisións que prexudican o medio e as persoas, tamén se deu a coñecer un estudo da Sociedade Estatal de Xestión da Información e as Tecnoloxías Turísticas segundo o cal máis do 37% das emisións de dióxido de carbono en Sanxenxo derivan do turismo.  

A entidade recomenda incrementar a sostenibilidade sistematizando datos como os consumos, a chegada de viaxeiras ou a súa mobilidade.