IVáN PRADO, PALLAS@S EN REBELDíA

"Somos un sopro de irmandade e fraternidade humana"

[Imaxes Carlos Cazurro / Pallasos en rebeldía]

De volta desde Idomeni estudan xa onde levarán o seu sorriso "o camiño máis curto entre dúas persoas", di Iván Prado.

"É a zona cero da humanidade", asegura Ivan Prado, de Pallas@s en rebeldía cando lle preguntamos que viron durante os tres días que estiveron no campo para persoas refuxiadas de Indomeni, na fronteira grego-macedonia. 

"É unha zona catastrófica, dantesta" que acolle un "tsunami humano" ao que non deixa de chegar xente e no que se atopan xa "entre 13 e 14 mil persoas", a maior parte sirias mais tamén afgás e iraquianas, en "condicións inhumanas", explica en conversa con Sermos Galiza. 

"O día que chegamos choveu a mares e moreas"

"O día que chegamos choveu a mares e moreas". Aínda así, conseguiron facer unha primeira función "para 300 ou 400 persoas", moitas delas crianzas que malviven coas súas familias en tendas de campaña convencionais. Quen puido púxose a acubillo baixo as grandes carpas que ACNUR disponibilizou mais que só teñen espazo para "unhas 3 mil persoas". "Non dá para nada", apunta. 

Baixo unha choiva que non cesou nos últimos días e nun "lameiro", di, "hai nenos descalzos, persoas en cadeiras de rodas, bebés que perderon dedos polo camiño porque lles ficaron conxelados" e mesmo "mulleres embarazadas". 

"Hai nenos descalzos, persoas en cadeiras de rodas, bebés que perderon dedos polo camiño porque lles ficaron conxelados"

Axuda improvisada e non gobernamental

A atención médica e o reparto de comida corre a cargo de organizacións non gobernamentais, Médicos sen Fronteiras, ACNUR ou "voluntarios gregos" que, afirma, "hai moitos". "Non se ve atención por parte do goberno" embora atopárense en chan comunitario e dentro das fronteiras do Espazo Shengen, de libre circulación. "A 50 quilómetros" do campamento de Indomeni, "hai unha gasolineira con mil persoas paradas" polo que a prestación de axuda "é moi improvisada" e "complexa". Ringleiras interminábeis de xente que se amorea para ser atendida por persoal sanitario ou para recibir comida. "Hai persoas que veñen co seu coche e paran na estrada para repartir cousas", conta Iván Prado, "aos cinco minutos" hai ducias amoreadas ao redor. 

"Hai persoas que veñen co seu coche e paran na estrada para repartir cousas"

Nesas condicións o difícil traballo de Pallas@s en rebeldía é aínda máis complicado. Por mor da choiva non puideron facer máis funcións que as improvisadas na estación de tren e na cafetaría da gasolineira. Despois, o espazo enlamado entre as tendas de campaña servía para tirar os sorrisos dos máis pequenos. 

"Son nenos moi tristes" mais cheos de cariño. "Con nós foi maravilloso, sabían o meu nome", di, após o escoitaren en varias entrevistas que concederon a diversos medios de comunicación deslocados en Indomeni. Mesmo lles agasaballan cousas quen nada ten e co pouco que contan fica empapado pola choiva. 

En Indomeni souberon, xunto coas persoas refuxiadas, do acordo que están a negociar as autoridades europeas. Un acordo que cualifica de "vil" e que exclúe de calquera recoñecemento a afgás e iraquianas en contra mesmo do Estatuto de Refuxiado asinado na Convención de Xenebra de 1951 e prevé a deportación a Turquía das persoas que cheguen a Grecia. 

Un acordo "vil" con Turquía 

"Non van conseguir deportalos, hai xente que fuxiu das montañas de Afganistán, vimos xente organizada, manifestacións", sinala. De facto, o goberno si despregou "policías e o exército para controlar" que non se volvan producir. Neste senso, nas pasadas semanas actuaron contra as persoas concentradas en Indomeni usando gases lacrimóxenos como aconteceu tamén no despexado campamento de Calais, en Francia. 

O goberno grego despregou "policías e o exército para controlar" que non se volvan producir manifestacións mais non presta axuda humana

Indomeni, advirte, "vai ser un foco de conflito" de se iniciar un intento por expulsar as persoas que tentan cruzar a fronteira cara a Macedonia, actualmente fechada como os demais tramos da rota dos Balcáns. Contra eses muros que a Unión Europea foi construíndo ao paso das persoas refuxiadas Iván Prado espiuse. "Somos xente de circo, defendemos o dereito de mobilidade das persoas nun mundo no que só se move o capital", denuncia. "Como galegos sería impensábel a nosa historia recente" sen as persoas migrantes e refuxiadas que partiron do noso país. 

Iván Prado espiuse "contra os muros, fronteiras e os exércitos que os defenden", sentencia. 

"Como galegos sería impensábel a nosa historia recente" sen as persoas migrantes e refuxiadas que partiron do noso país

Axuda humana 

De volta xa, asegura Prado, continuarán a contar na Galiza o que alí viron mais xa preparan novas viaxes. "A Gaza e Cisxordania", onde teñen estado en anteriores ocasións coas refuxiadas palestinas, "volveremos este ano". Aliás, estudan a posibilidade de ir aos campos de refuxiados do Sáhara. "Se te decatas, sempre estamos con refuxiados", afirma. Porén, explica as dificultades que atopan para poder desprazarse. Pallas@s en rebeldía parte dunha iniciativa de Cultura Activa e baséase na voluntariedade das persoas que fan parte deste proxecto autofinanciado que leva a lugares en conflito axuda humana. 

"Somos un sopro de irmandade e de fraternidade humana", sinala, unha "intervención médico-espiritual" que "conecta" as persoas através do "camiño máis curto" entre elas, "o sorriso". "Iso dá moita esperanza e vitalidade".