A sombra da folga chega aos servizos de transporte interurbano e escolar polo Plan da Xunta

Imaxe de arquivo dun autobús en plena pandemia. (Foto: Europa Press)
A CIG advirte que hai 2.000 traballadoras e traballadores afectados na Galiza entre acompañantes e condutoras.

Unha parte do transporte interurbano e escolar da Galiza podería secundar un paro si a Xunta non resolve a subrogación do persoal a outras empresas, pois o cambio no mapa de liñas coa estrea do Plan de Transporte Público da Galiza implicou mudanzas nas concesionarias dos traxectos e inestabilidade para traballadoras e traballadores.

Foi a Confederación Intersindical Galega (CIG) a que anunciou que non descarta chegar a esta determinación e convocar a folga se o Executivo de Alberto Núñez Feixoo non pon solución aos problemas derivados do cambio, “sobre todo aos relacionados coa subrogación do persoal por parte das empresas adxudicatarias”.

Así mesmo, a central sindical fai fincapé en que hai que evitar o empeoramento das condicións laborais, algo que vén “previsíbel” polo aumento dos contratos temporais neste tipo de negocios de transporte.

Polo de agora e desde o 23 de decembro de 2020, cando se puxo en marcha o novo mapa do Plan de Transporte Público da Galiza ao completo, apareceron “graves dificultades para a subrogación de algúns condutores e, sobre todo, acompañantes” no ámbito dos autobuses que fan itinerarios até colexios e escolas de todo o país.

A maior parte das dificultades nas negociacións teñen que ver coa empresa Monbus, algo lóxico ao ter en conta “que monopoliza o 70% dos contratos”.

“Na área da Coruña-Ferrol, por exemplo, ten xente subrogada en casa sen traballar, mentres que noutros casos non se respectan os descansos de condución obrigatorios”, lamenta Xesús M. Pastoriza, desde o sindicato.

Esta modificación da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade afecta, estiman, a 2.000 traballadoras e traballadores “pero a Xunta está desaparecida”. Non só hai dúbidas pola subrogación senón tamén pola posibilidade de que se sucedan as reducións de xornada.