Entrevista

María J. Fernández Sanjurjo, investigadora da USC: "O solo, a escala humana, é un recurso non renovábel"

A profesora e investigadora da USC María Josefa Fernández Sanjurjo. (Foto: Uxafores)
A edafoloxía estuda a composición e natureza do solo e a súa relación coas plantas e co que lle rodea. É a ciencia na que se move a investigadora María Josefa Fernández Sanjurjo, profesora da USC que vén de participar nas xornadas de ambientais de verán "Os catro elementos", organizadas por Adega.

—A sociedade é consciente de que o solo é un ecosistema vivo e vulnerábel?
Non é consciente. Os solos sempre tiveron pouca importancia, chámanlle “terra” como concepto algo despectivo. E é fundamental para a vida, sen o solo non estariamos aquí. É outro factor máis vital para o noso desenvolvemento. Aínda así, observamos que se está agredindo constantemente. Cando dou aulas sobre enxeñaría civil, explico que cando se fagan obras hai que ter en conta o que se está destruíndo para facer os alicerces. O solo é unha máquina bioquímica, unha estrutura viva. Un corpo que nace, desenvólvese e morre.

—Está a mudar o solo?
Está desaparecendo por moitos tipos de agresións. Estamos eliminado a capa edáfica que envolve a terra e que nos dá o sustento. Un exemplo son os incendios. Sempre se fala da vexetación, que ten moitísima importancia, mais tamén hai que ter en conta que o solo é bastante fráxil, cunha boa parte de areosos e unha maioría das rochas duras. Altéranse de maneira lenta, polo que leva máis tempo que se fagan só uns centímetros de solo. Sécase máis e as agresións comportan moitos problemas pola dificultade que existe para que se recupere. 

Outra agresión sería a cimentación. Ao colocar unha capa de cemento, o solo queda obstruído, impermeabilizado, e non fai as súas funcións, que son moitas. Acontece o mesmo cando se fan estradas ou mesmo cando o cultivo é intensivo. Un caso especial é a eliminación da vexetación en zonas de pendente. Se chove bastante, pode ter lugar unha forte erosión que moitas veces non se ten en conta. Hai que ter coidado coas cortas rasas. 

—Inflúe o cambio climático?
A intervención humana agrávase polo cambio climático. Se hai máis seca, a vexetación é menos mesta, hai menos crecemento vexetal e o solo ten moitos máis problemas de fertilidade. Hai que ter en conta que ten un importante déficit hídrico estival a finais do verán.  

—A situación afecta outros ecosistemas como o mariño?
A problemática das cinsas que acaban no mar tense sempre máis en conta que a propia destrución do solo. É importante pola transcendencia económica que ten e a imaxe das cinsas que poden chegar á zona de marisqueo. É grave, mais no caso do solo leva moito máis tempo a recuperación e a escala humana é un recurso non renovábel. 

—Que actuacións deberían levarse a cabo para coidar o solo?
Hai que ter un pouco máis de conciencia e facer unha boa ordenación do territorio, a nivel agrícola e forestal global, onde se teñan en conta todos os problemas do solo. Despois, tentar gardar para cultivo os solos de relativa alta produtividade que hai nalgúns puntos.

É moi importante conservar a biodiversidade e ter coidado coas especies pirófitas. Non se pode manter unha ou dúas especies que son as que arden con máis facilidade. Hai que volver á “paisaxe mosaico”. O problema é que non hai unhas directrices que teñan en conta o solo.