A solidariedade que non cesa: concentracións o 21 nunha trintena de cidades e vilas "contra o xenocidio en Gaza"

Imaxe dunha concnetración por Palestina en Compostela
Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-árabe Jenin chaman de novo a se manifestar en solidariedade co pobo palestino.

A solidariedade galega co pobo palestino –asediado polo Estado de Israel desde o 7 de outubro no que se converteu xa nun xenocidio–, non cesa. Logo de case cinco meses de accións coordenadas, as rúas de perto de 30 vilas e cidades da Galiza volverán esta quinta feira, día 21, cumprir coa súa "promesa" de continuar premendo "a quen nos goberna por accións concretas que poñan fin ao terror" na faixa de Gaza.

Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-árabe Jenin chamaron de novo a se manifestar contra o xenocidio do pobo palestino a mans do Estado sionista de Israel. "É unha constante de solidariedade e de reclamacións. Cada semana a rede de apoio é máis ampla", afirmaba a semana pasada a Nós Diario Ángela Gippini, voceira do colectivo Galiza por Palestina. 

Desde a primeira convocatoria no mes de outubro, a Galiza suma xa máis de 200 mobilizacións. "Valoramos moi positivamente que despois de tantas semanas, lonxe de restar ou de perder folgos, hai xente nova que sae á rúa e se suma ás nosas reivindicacións; plataformas e entidades locais que piden máis accións políticas. De feito, este mes de marzo o fío de actividades por Palestina está a crecer e chega a numerosas localidades".

Horas e lugares

Baixo o lema ‘Stop Xenocidio. Palestina vencerá!’, acollerán mobilizacións en solidariedade co pobo palestino as seguintes localidades:

A Coruña. 20 horas. Obelisco

A Guarda (O Baixo Miño). 20 horas. Praza Avelino Vicente

Allariz (comarca de Allariz-Maceda). 20 horas. A Barreira

Betanzos (As Mariñas). 20 horas. Cantón de Claudio Pita

Cangas (O Morrazo). 20 horas. Praza do Concello

Carballo (Bergantiños). 20 horas. Praza do Concello

Cee (comarca de Fisterra). 20 horas. Praza 8 de marzo

Compostela. 20 horas. Praza do Toural

Ferrol. 20 horas. Praza do Concello

Foz (A Mariña). 20 horas. Diante do Concello

Lalín (O Deza). 21 horas. Praza da Igrexa.

Lugo. 20 horas. Diante do Concello

Melide (Terra de Melide). 20 horas. Praza do Concello

Monforte (Terra de Lemos). 20.30 horas. Praza de España

Noia (comarca homónima). 20 horas. Diante do Concello

O Barco (Valdeorras). 20 horas. Praza do Concello

O Carballiño (comarca homónima). 20 horas. Praza Maior

Ourense. 20 horas. Subdelegación de Defensa

Ponteareas (O Condado). 20 horas. Diante do Concello

Pontedeume (Eume). 20 horas. Praza do Concello

Pontevedra. 20 horas. Praza da Peregrina

Ribeira (O Barbanza). 20 horas. Praza de Pablo Neruda

Val Miñor. 20 horas. Cruce da Ramallosa

Verín (comarca homónima). 20 horas. Praza do Concello

Vigo. 20 horas. Farola de Urzáiz

Vilagarcía (O Salnés). 20 horas. Praza da Galiza

Vilalba (A Terra Chá). 20 horas. Praza da Constitución

Viveiro (A Mariña). 20 horas. Praza Maior