Solidariedade nos xulgados da Coruña polo xuízo ao militante do BNG, Paulo Carballada

Concentración nos xulgados da Coruña

Arredor de 100 persoas concentráronse na cidade herculina para apoiar o responsábel comarcal do Bloque denunciado pola policía española. 

 

Por volta dun cento de persoas concentráronse esta segunda feira (12 de xaneiro) perante os xulgados da Coruña coincidindo co proceso xudicial aberto contra o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada. 

O militante nacionalista compareceu nas dependencias xudiciais para prestar declaración após ser denunciado pola policía española por un presunto delito de "atentado á autoridade" e "agresións" contra un axente de policía no marco dos protestos contra a visita de Angela Merkel desenvolvidos en Compostela no mes de agosto. 

Arroupado pola militancia do Bloque e o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, Carballada tamén estivo acompañado por Rubén Cela e Afonso Losada, outros dous dos 5 militantes aos que lles foi notificada pola Subdelegación do Goberno español a denuncia. 

Ás portas do xulgado, Carballada asegurou que "o atestado policial é absolutamente falso", o que considerou "moi grave".

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xabier Vence, enmarcou o proceso xudicial contra a militancia do BNG nunha estratexia de "criminalización das protestas" sociais contra as políticas do Partido Popular. Asemade, sinalou, considerou o xuízo "un ataque á liberdade de expresión".