Vence defende a membros do BNG “ante o ataque do PP á liberdade de expresión”

Pontón, Carballada, Vence, Cela e Jorquera, na Coruña.

Máis de 100 persoas concéntranse en solidariedade con Paulo Carballada, que acudiu aos xulgados da Coruña a declarar ante a imputación penal por manifestarse contra Merkel, que @s nacionalistas afirmar que se basea en “acusacións falsas instigadas polo PP”.

 

Máis dun cento de persoas concentráronse ás portas dos xulgados da Coruña para apoiar ao responsábel local do BNG, Paulo Carballada, que acudiu a declarar dentro das primeiras dilixencias abertas a cinco militantes nacionalistas por manifestarse durante a visita a Compostela da presidenta alemá, Angela Merkel, e o español, Mariano Rajoy, imputacións penais que o voceiro da formación, Xavier Vence cualificou de “baseadas en feitos absolutamente falsos” e inventados coa intención de “criminalizar a protesta”. 

"O PP trata de crear unha axenda policial que tape as súas políticas" denunciou o voceiro do Bloque

Xavier Vence afirmou durante o acto que se trata dunha “acusación que falsea a realidade en base a un atestado inverosímil” co que cre que “o PP trata de crear unha axenda policial que tape as súas políticas sociais e as propostas da cidadanía contra as súas políticas”. “O BNG quere mandar a clara mensaxe que non nos van calar , que á cidadanía galega non a van silenciar e imos seguir defendendo os dereitos deste país contra as agresións do PP”, engadiu o líder nacionalista. 

O voceiro do Bloque mesmo afirmou que “o falso atestado é de manual do Ministerio de Interior do PP para criminalizar e impedir o exercicio dos dereitos, no que supón un ataque á liberdade de expresión e á liberdade de manifestación”. Pola súa parte, Paulo Carballada negou as acusacións, declarou que “non agrediu a ninguén durante a protesta, senón que foron os manifestantes os e as agredidas” e considerou “moi grave que a policía poida estar a inventar feitos que non ocorreron”.

Corrupción

Preguntado por outras cuestións, Xavier Vence defendeu a creación dunha Fiscalía Anti-corrupción “algo que o BNG leva tempo reclamando”, mais tamén pediu que “os partidos como o PP expulsen aos seus corruptos”. Precisamente, acusou aos populares de estar detrás “da táctica de acoso e derrubo coa que intentan que en Vimianzo o alcalde do BNG non poña fin á corrupción”. Así mesmo, afirmou que “as expectativas do ano que comeza non se corresponden coa propaganda do PP, xa que non hai ningunha recuperación como da que falan” e si pediu que este ano electoral seca aproveitado pol@s galeg@s “para pasar páxina da etapa negra do PP”.