Solidariedade galega contra a política de "muros de arame" da UE

Estación de comboios de Budapest [Imaxe Iria Pedreira]

O BNG promove unha concentración en apoio ás persoas refuxiadas e insta as institucións españolas e comunitarias a asumir as "consecuencias das políticas intervencionistas". Cidades como Coruña e vilas como Lalín artellan medidas para recibir familias desprazadas forzosamente. 

 

Galiza non fica impasíbel perante o maior éxodo poboacional após a II Guerra Mundial. Para alén das mostras de indignación e solidariedade que nos últimos días se están a ver nas redes sociais, organizacións políticas como o BNG e gobernos locais como o da Coruña (Marea Atlántica) e Lalín (Compromiso por Galicia) urxen a actuación gobernamental para palias as consecuencias da crise humana que atinxe as fronteiras europeas. 

Neste senso, a organización frontista promove unha concentración o 7 de setembro na Praza do Toural (Compostela) ás 20h para amosar a "solidariedade do pobo galego" perante "este drama". Á mobilización convidan as "forzas políticas e sociais solidarias a que se unan", explicou Néstor Rego, secretario de Iniciativas políticas do Bloque quen compareceu xunto coa voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda. 

A fronte nacionalista presentou unha bateria de iniciativas coas que presionará as institucións galegas, españolas e europeas á fin de rematar coa política de "muros de arame" e a prol dunha outra de "axuda e acollida digna" dirixida ás persoas refuxiadas e migrantes. 

Os gobernos español e europeo, sinalan, teñen de asumir a súa responsabilidade perante as "consecuencias das súas políticas intervencionistas". O Bloque, lembrou así a "rapina imperialista comandada polos EUA" e "os seus aliados europeos" da que, defenden, parte a crise humana que atinxe as fronteiras europeas. 

"Non pode sorprender a vaga inmensa de refuxiados ­fundamentalmente sirios­ que escapan da guerra e de migrantes que foxen da miseria xerada igualmente pola rapina neocolonial", denuncia o BNG

"Os EUA e os seus aliados europeos non dubidaron en levar a guerra, a morte, a destrución e a miseria a diversos países con tal de alcanzar os seus obxectivos xeoestratéxicos e espoliar os seus recursos naturais, particularmente o petróleo", sinalan. "Primeiro foi o Afganistán, o Iraq, despois Libia. Agora é a Siria o albo do imperialismo", acrecentan. "As vítimas desta deshumana política imperialista son as poboacións civís destes países" polo que, para a organización frontista, "non pode sorprender a vaga inmensa de refuxiados ­fundamentalmente sirios­ que escapan da guerra e de migrantes que foxen da miseria xerada igualmente pola rapina neocolonial no oriente Póximo e en África, coa inestimábel colaboración das elites locais". 

Ao mesmo tempo, denuncian, tampouco "sorprende, infelizmente, a resposta da Europa capitalista. A grande preocupación desa Unión Europea ao servizo da oligarquia non é resolver o drama humano nin os problemas sociais, económicos ou políticos que están na súa xénese. A preocupación principal é blindarse para deixalos fóra". Como exemplo do "desinterese" comunitario, sinalan desde o Bloque, a convocatoria dunha cimeira "urxente" o 30 de agosto para o 14 de setembro. "Entre tanto, millares de refuxiados e migrantes continúan a se agolpar en condicións penosas nas fronteiras ou achan a morte no Mediterráneo". 

Lalín e A Coruña ofrecen refuxio ás familias desprazadas forzosamente

Así pois, a fronte nacionalista urxe o remate da "intervención occidental na Siria" e a "retirada de todas as forzas militares norteamericanas e extranxeiras dos países de Oriente Próximo e do norte de África". Aliás, exixen o desenvolvemento dunha "política de paz, solidariedade e cooperación entre todos os pobos". O recoñecemento do dereito do "pobo curdo á liberdade e á soberanía" como tamén para o pobo palestiniano. 

Nunha liña semellante, gobernos locais como o da Coruña e Lalín ofrecéronse como cidades e vilas refuxio para dar acollemento a familias refuxiadas. O alcalde lalinense, Rafael Cuíña (Compromiso por Galicia), amosou a disposición do seu municipio para habilitar espazos públicos nos que dar refuxio a persoas desprazadas forzosamente, até 100. Da mesma maneira, a equipa municipal coruñesa, da Marea Atlántica, iniciou os trámites para se unir á rede de cidades refuxio que tamén están a preparar Barcelona e Madrid.