A solidariedade galega enche as reservas de sangue: 38,4 doazóns por cada 1.000 habitantes

Un autobús da Axencia de Doazón de Sangue. (Foto: ADOS)
Santiago fica á cabeza en participación en 2023, con 88 doazóns por cada 1.000 habitantes.

As reservas estaban baixas, pero a cidadanía, máis unha vez, respondeu. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da Galiza salientou esta quinta feira a "excelente resposta" no referido ás doazóns de sangue durante o pasado ano. A directora de ADOS, Marisa López García, trasladou a súa "gratitude" a "todas e cada unha das persoas que fixeron posíbel" 2023 fechase con até 103.525 doazóns, o que permitiu ofrecer unha resposta "axeitada" ás necesidades hemoterápicas dos hospitais galegos.

A cifra tradúcese nunha taxa de 38,4 doazóns por cada 1.000 habitantes que, avanzou López, á espera aínda de coñecer os datos do resto de comunidades autónomas, "de seguro situará Galiza" entre os primeiros postos de todo o Estado.

Entre outros datos, desde a Axencia celebraron que o pasado ano 9.564 persoas decidiron doar sangue por vez primeira, e que case a metade das doazóns (44%) producíronse nas sete cidades do país, con Santiago á cabeza en participación —88 por cada 1.000 habitantes— mais rexistrando Vigo a maior cifra en termos absolutos —12.741 doazóns, cunha taxa de 43 por cada 1.000 persoas—.

E alén da capital galega, o concello de Melide, na comarca homónima, foi o que amosou unha maior solidariedade, cun total de 649 doazóns que supoñen unha taxa de 86 por cada 1.000 habitantes.

Sensibilización

ADOS destaca, da "grande actividade" que está a desenvolver para incrementar as reservas de sangue nos hospitais do país, a campaña de sensibilización decorrida en centros universitarios dos sete campus galegos. Ao longo da primeira fase de doazón nas tres universidades galegas durante o presente curso académico, realizada desde finais de setembro até novembro de 2023, obtivéronse un total de 2.234 doazóns de sangue. A segunda fase comezou en febreiro e estenderase até o remate do vindeiro mes de abril.

Ademais, durante o pasado ano continuou co programa de melloras en infraestruturas iniciado hai oito anos, coa incorporación dunha nova unidade móbil para os concellos da circunscrición de Ourense, que se engadiu ao renovado parque de vehículos da ADOS.