Saúde

Día do Transplante: case 14.500 doantes galegas de medula ósea fan parte dunha rede mundial

Lourdes López é a encargada de informar e rexistrar as novas doantes de medula ósea. (Foto: Nós Diario)
Os hospitais galegos realizaron o ano pasado 249 transplantes de medula ósea.

En 2023 a Galiza rexistrou 870 novos doantes de medula ósea, unha cifra que elevou o número total de doantes activos no Rexistro de Doantes de Medula Ósea (Redmo) a 14.393. Trátase dun documento vivo: voluntario, anónimo, altruísta, gratuíto e con carácter universal. Hoxe conmemórase o Día do Transplante, un procedemento cirúrxico polo cal se extrae un órgano, un tecido ou células dun corpo para implantalos noutro e restabelecer unhas funcións danadas por mor dunha enfermidade.

Desde o inicio do programa de transplantes na Galiza, en 1981, até o final de 2023, nos hospitais galegos fixéronse 9.548 transplantes de órganos procedentes de máis de 3.400 doantes. Só o ano pasado o Sergas realizou 331 transplantes de órganos nos seus hospitais: 168 de ril, dos que 24 procedían de doantes vivos, 88 de fígado, 49 de pulmón, 22 de corazón e catro de páncreas.

Os transplantes de órganos sólidos son os máis coñecidos, pero as doazóns e transplantes de tecidos tamén fan parte do día a día dos equipos de coordinación que operan nos hospitais galegos e na Axencia Galega de Doazóns (ADOS).

Doazón universal

ADOS é o centro de referencia na Galiza do Rexistro de Doantes de Medula Ósea, unha iniciativa da Fundación Josep Carreras no ano 1991 que acabou por converterse nunha rede estatal integrada no sistema público de saúde. Redmo mantén o mesmo obxectivo co que foi creado: facer accesíbel ás persoas con leucemia ou con outras enfermidades do sangue un transplante de medula ósea procedente dunha doante voluntaria non emparentada.

"Somos o centro de referencia de doantes voluntarios para transplantes aloxénicos [doante e receptora son persoas distintas]  non emparentados", explica a Nós Diario Lourdes López, técnica superior de ADOS e responsábel da campaña de información de medula ósea. Segundo apunta, só unha de cada catro pacientes que requiren un transplante de medula ósea para a súa curación atopa un familiar compatíbel, o que converte as bases de doantes voluntarias na única alternativa. Quen escolle facerse doante de medula ósea faino con carácter universal, "para calquera paciente de calquera parte do mundo".

Esa rede mundial conta con perto de medio millón de doantes no Estado, 14.500 da Galiza. O ano pasado 41 recibiron unha chamada para iniciar un estudo de confirmación con vistas a unha doazón, mais só 15 resultaron efectivas, o que sitúa a media galega nunha doazón por cada 1.000 doadores.

Idade e saúde

Para inscribirse como novo doante hai que ter entre 18 e 40 anos, explica a técnica de ADOS. "Unha vez no rexistro a idade de cancelación serían os 60 anos, e isto é así porque, despois da compatibilidade, o criterio máis importante para garantir o éxito do transplante é a idade da persoa doante e a xuventude das células nai, ademais da ausencia de enfermidade grave ou trasmisíbel".

Así, a poboación máis nova é o albo das campañas de ADOS, que busca conseguir doantes malia o hándicap da Galiza envellecida. O seu labor principal é o de informar e resolver calquera dúbida que as persoas interesadas poidan ter. O seguinte paso será citalas para incluílas no Redmo, previa toma de mostras, tipaxe e sinatura do consentimento informado.

A extracción

A persoa doadora de medula ósea non doa salvo que sexa compatíbel cunha paciente. "Entón procederase a un estudo confirmatorio e só ao final á extracción efectiva dos proxenitores hematopoéticos", que na Galiza, aclara López, só se leva a cabo no Álvaro Cunqueiro de Vigo, no Universitario da Coruña e no Clínico de Santiago. "Só neste último se fai a extracción directa de medula ósea das cristas ilíacas, mediante cirurxía", a técnica habitual até hai uns anos. Mais hoxe, "a doazón de células nai realízase a partir do sangue periférico sen necesidade de hospitalización, mediante aférese, en calquera dos tres centros".

O transplante de medula ósea é a única opción terapéutica para miles de pacientes, conclúe Lourdes López. En 2023 na Galiza leváronse a cabo 249, dos cales 29 foron aloxénicos non emparentados, 45 de doantes emparentados e 175 de tipo autólogo, onde a paciente tamén exerce como doante.