Solidariedade galega co pobo saharauí: 15 concellos galegos visitan os campos de refuxiados

Membros de Gobernos locais galegos durante o recibimento por parte de Dih Chadad, en Bojador (Foto: Nós Diario).
Un total de representantes de 15 Concellos galegos visitan esta semana os campamentos de refuxiadas e refuxiados en Tindouf (Alxeria) co fin de coñecer de primeira man a realidade do pobo saharauí e os proxectos de axuda humanitaria impulsados desde a Galiza, así como de visibilizar o apoio institucional das Administracións municipais á causa do Sáhara Occidental.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Delegación da República Árabe Saharauí Democrática na Galiza e no Estado español e a ONGD Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organizaron unha misión política na que están participando 30 representantes dun total de 15 Concellos da Galiza.

A axenda sobre o terreo deu comezo esta cuarta feira cun recibimento por parte da gobernadora de Bojador, unha das cinco divisións das que se compoñen os campamentos saharauís de Tindouf, Dih Chadad, que, alén de dar a benvida á delegación, defendeu o “dereito á autodeterminación do pobo saharauí” e chamou os responsábeis municipais a “concienciar sobre esta causa xusta nos seus territorios”.

Dar voz ao conflito

En declaracións a Nós Diario, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, que agradeceu a acollida por parte do pobo saharauí e do Goberno da República, explica que realizan esta misión "para entender mellor a realidade das familias refuxiadas nos campamentos, aprender da súa experiencia de vida e solidarizarnos coa causa do pobo saharauí, que non é outra que o dereito de autodeterminación, a volver ao seu territorio e a vivir libremente na súa terra".

"Neste tempo no que se está falando do xenocidio que está aplicando Israel sobre Palestina, tamén existe o que fai Marrocos sobre o pobo saharauí, que provoca unha situación dramática, e queremos que esta misión sirva para dar voz ao conflito e que a xente poida entender a necesidade que ten este pobo de ser liberado e de poder recuperar o seu espazo", engade a alcaldesa de Moaña.

Colaboración na reciclaxe

O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, amosou a súa disposición a “seguir cooperando cos campamentos saharauís, tamén con achegas específicas dos propios concellos”. Neste sentido, Nigrán e Moaña están a apoiar a través do Fondo Galego o proxecto Nadafa, que busca reforzar a xestión dos residuos traballando nunha dobre vertente: mellorar a recollida de lixo mediante a dotación de persoal e materiais, e realizar actividades de sensibilización para que a veciñanza, especialmente a máis nova, contribúa a manter limpa a súa contorna.

Esta quinta feira, a delegación galega visitou a planta de reciclaxe de residuos na que se desenvolve esta iniciativa, así como as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí. Ademais, coñeceron a situación dos centros educativos e do Hospital Nacional. Así mesmo, a delegación reuniuse coa Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas, e coa Unión de Mulleres Saharauís. 

Encontro institucional co primeiro ministro

Durante a misión, está previsto un encontro institucional co primeiro ministro da República Árabe Saharauí Democrática, Bucharaya Beyun, así como cos representantes ministeriais das áreas de Cooperación, de Saúde e Auga e de Medio Ambiente.

"O pobo saharauí ten un amplo sentido de comunidade"

Os Concellos presentes na misión política nos campamentos saharauís de Tindouf son: Allariz (comarca de Allariz-Maceda), Boiro (O Barbanza), Brión (Compostela), Cabanas (Eume), Laxe (Bergantiños), Lugo (comarca homónima), Moaña (O Morrazo), Monforte (Terra de Lemos), Muros (comarca homónima), Nigrán (Vigo), Oleiros (A Coruña), Padrón (O Sar), O Rosal (Baixo Miño), Sada (A Coruña) e Viveiro (A Mariña), aos que se unen membros do Parlamento da Galiza, da Xunta da Galiza, ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz.

O tenente de alcaldesa de Lugo, Rubén Arroxo, en declaracións a Nós Diario, afirma que na misión política, que se estenderá até o sábado, "estamos coñecendo as instalacións coas que contan [os campamentos saharauís], así como os proxectos financiados [nos programas de cooperación]". Na visita á Media Lúa Vermella, sinala, "explicáronnos varias iniciativas que realizan, como a que están desenvolvendo coas Nacións Unidas para acabar coa fame".

"É curioso que no Sáhara, a pesar da situación tan dura que viven, non vas ver unha persoa que durma na rúa, pois todo o mundo ten un fogar, nin tampouco unha persoa que realmente pase sen comer, hai un amplo sentido de comunidade", afirma.