As solicitudes de eutanasia superan o medio cento na Galiza desde a súa aprobación

A Lei da eutanasia entrou en vigor en xuño de 2021. (Foto: David Pereiras).
A asociación Dereito a Morrer Dignamente alerta do "incumprimento" dalgunhas disposicións e urxe formación e información.

O número de solicitudes de eutanasia formalizadas na Galiza desde a entrada en vigor en 2021 da lei orgánica que regula este procedemento ascenden a 58, das que, a xuño deste ano, 21 contaron con informe favorábel.

Do total de solicitudes recibidas, denegáronse tres, mentres os pacientes revogaron a petición en oito ocasións, informou a Consellaría de Sanidade. "As restantes correspóndense con exitus por causas alleas á prestación ou que están en curso".

As peticións máis numerosas son de persoas dos grupos de 50 a 59 anos e de 70 a 79 anos. O 58,6% foron realizadas por homes fronte ao 41,4% correspondentes a mulleres. A patoloxía máis frecuente que motivou a petición foi a neurolóxica (50%), seguida da oncolóxica (31%).

Tardanza na aplicación

Sobre a situación na Galiza, o presidente da asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD), Miguel Anxo García, remarca que a aplicación da citada lei "comezou con atraso na Galiza debido á lentitude da Xunta na promulgación das disposicións legais autonómicas necesarias para a constitución da comisión de garantía e avaliación".

"Unha vez constituído ese órgano, finais do verán de 2021, é posíbel acceder ao novo dereito". "Nun primeiro período identificamos dificultades e atrasos na asignación de persoal médico responsábel, que ocasionou problemas a persoas que solicitaban o inicio do procedemento de avaliación necesario" para acceder ao recoñecemento deste dereito.

O Sergas non realizou o informe anual de 2021 nin o de 2022, polo que non se deron a coñecer os datos oficiais

"Progresivamente fóronse resolvendo dificultades e, desde hai xa meses, non temos noticias de incidencias", explica, para precisar que a súa principal fonte de obtención de datos a este respecto son as persoas que lles solicitan información ou apoio nos trámites do proceso.

"Hai menos dun ano que asistimos con preocupación á situación dunha persoa, á que se lle recoñeceu o dereito e á que se lle aprazou a prestación, no día anterior ao acordado, por razóns de non dispoñibilidade do kit farmacolóxico e isto ocorreu coa mesma persoa en dúas ocasións sucesivas", apunta.

Desde Dereito a Morrer Dignamente, o seu presidente cualifica isto como "excepcional, pero intolerábel e causante en si mesmo de sufrimento evitábel". No entanto, engade que na actualidade non teñen noticias de situacións comparábeis.

Obrigas sen cumprir

Con todo, García advirte de que "disposicións de obrigado cumprimento non se están cumprindo: non se realizou polo Sergas o informe anual de 2021 nin o de 2022 e, por tanto, non se puido dar a coñecer publicamente". "A finais do mes de outubro na web de Sergas colgáronse dúas diapositivas con datos, pero iso non é o informe, basta comparalo co de Catalunya, Euskadi, Asturias ou Navarra, por exemplo", apostila.

Miguel Anxo García incide en que isto é importante "porque non se posibilita a participación cidadá na implantación e consolidación dun novo dereito, é máis que unha cuestión de transparencia, é impedir a participación conforme ao regulado" e impide concluír "con seguridade" sobre o estado actual da implantación deste novo dereito.

Testamento vital

Na mesma liña, sinala que "tampouco se promoveu o rexistro do testamento vital como indica a lei, as instrucións previas nos termos da Administración Autonómica da Galiza". "E iso contribúe a un acceso máis restrinxido aos dereitos de decisión sobre os tratamentos e, no seu caso, sobre o acceso á eutanasia, de darse perda de capacidade da persoa para decidir".

A Galiza é "a cuarta pola cola" en número de testamentos deste tipo, en alusión a un dato que o Ministerio de Sanidade sitúa nunhas 14.500.

Para superar estas eivas, a asociación Dereito a Morrer Dignamente urxe máis e mellor formación do persoal sanitario para favorecer unha información certeira.