Sogama recoñece que en reciclaxe vai "regular"

Residuos na planta de Sogama á espera de ser incinerados (Foto: Sogama).
Comparecencia parlamentar

O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, admite que o complexo vai "regular" no relativo a reciclaxe, mais reivindica o avance respecto dos resultados de 2008 e afirma ir "polo bo camiño".

Nunha comparecencia en comisión parlamentar, o responsábel de Sogama sinalou así aos datos que situaban a reciclaxe en 11.000 toneladas en 2008 e ao incremento do até 137.000, en 2019.

Deste modo, valorou o salto cuantitativo "incuestionábel", após as críticas dos grupos da oposición. Por parte do PSOE, a deputada Paloma Castro advertiu de que Galiza está "entre as comunidades autónomas cos peores resultados" neste ámbito.

Pola súa banda, o parlamentar do BNG Luís Bará criticou que a Xunta defenda "o modelo Sogama" cando, dixo, "o seu non é ningún modelo, é un auténtico aparello de propaganda". En calquera caso, lamentou que "conseguen vender a moto".

Neste debate sobre o sistema de xestión de residuos, Domínguez aproveitou a quenda de réplica para ensinar unha bolsa de compost con certificado elaborado o pasado mes de maio e díxolle ao nacionalista que "teno aí para levalo". O BNG denunciara que ano e medio despois da inauguración da planta de xestión de biorresiduos de Sogama en Cerceda, na que se investiron 2,5 millóns de euros e que segundo cálculos da empresa ía producir 4.000 toneladas de compost de alta calidade que podían ser usados sen restricións na agricultura, da planta “non saíu ningunha cantidade” de fertilizante, segundo recoñeceu na quinta feira en comisión parlamentar María Sagrario Pérez Castellanos, directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Tamén cruzaron críticas Bará e o presidente de Sogama por unha avaría que rexistrou Sogama en pasadas datas e que o nacionalista criticou que "se silenciase".  Outro aspecto sobre o que debateron é sobre as supostas "irregularidades" no transporte que denunciou Luís Bará. "

O BNG exixiu á Xunta responsabilidades polas graves irregularidades que afirma que se están producindo na xestión de Sogama.    "Fronte ao autobombo no que vostede se quere instalar, pode darlle a esta comparecencia un formato de explicacións diante das irregularidades e tamén ilegalidades que se están producindo na xestión de Sogama", recriminoulle o deputado nacionalista, para a continuación explicar en detalle a grave situación que se está a dar e na que, segundo recalcou, "hai moitas sombras, moitas dúbidas e moitas sospeitas".

Así, explicou que, dado o colapso da planta de Cerceda, estase a realizar un desvío directo de residuos ao vertedoiro de Areosa, algo que a Xunta autorizou puntualmente pola recente avaría rexistrada na planta e "que silenciou cando debía ter informado dela", pero que se produce á marxe desta avaría.