A Sociedade de Ornitoloxía pide que a montaña galaico-leonesa se declare “zona libre” de eólicos

Ancares

Tendo en conta, afirma, o "impacto ambiental" que parques eólicos e solares poden xerar na área.

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) enviou as súas consideracións ao período de consultas previas de distintos macroproxectos eólicos tramitados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e a Xunta: Barxas, Rebordochao, Prada, Neboada, Xeada, Orballeira e Ventumelo. 

Estes parques eólicos, afirma a Sociedade, están proxectados na montaña galaico-leonesa, "que alberga un conglomerado de espazos da Rede Natura 2000 con alto valor ambiental".

Na documentación enviada déixase constancia "da necesidade dunha avaliación ambiental estratéxica de todos estes proxectos", que "supoñen no seu conxunto un  gravísimo impacto ambiental con efectos  acumulativos e  sinérxicos que ocasionarán unha severa afectación á diversidade de fauna, flora, hábitats e paisaxes presentes nesta área de alta diversidade biolóxica no contexto ibérico".

"Aquí atópanse presentes algunhas das especies de grandes vertebrados máis ameazadas de Europa e cuxas áreas vitais transcenden aos espazos protexidos que se sitúan ao redor das zonas de implantación dos parques eólicos e solares", explica. En particular, destacan a "grave afección" que sufrirían especies como o aguia real,  incluida como “en perigro de extinción” no catálogo galego de especies ameazadas, así como para a charrela (Perdix perdix), gatafornela (Circus cyaneus), tartaraña cincenta (Circus pygargus) e voitre branco (Neophron pernocterus), incluidas con categoría de “vulnerables” en dito catálogo.

Paralelamente, lembran que Galiza "está moi por riba da media española en xeración de enerxías alternativas" e alcanzou xa "en termos relativos os obxectivos de sustentabilidade expostos para 2030" e instan a establecer un equilibrio entre avance de renovables e conservación da contorna.

"Non podemos obviar a relación intrínseca entre a perda de biodiversidade e o cambio climático, polo que nun contexto como o relatado para Galiza, os efectos beneficiosos da implantación de enerxías renovables para a loita contra o cambio climático poden verse atenuados polos danos á biodiversidade", alerta a entidade.