Soben a 41 os casos detectados na Galiza da cepa británica

Dose da vacina de Pfizer, cuxa efectividade non se vería afectada pola cepa británica (Foto: Europa Press).
Na Galiza hai tres áreas sanitarias que contan con "equipos para secuenciar, poder obxectivalas e ver outras variantes".

Os casos detectados da cepa británica do coronavirus na Galiza pasaron de 16 da semana pasada a 41 confirmados e secuenciados.

Así o confirmou hoxe a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na rolda de prensa após a reunión do comité clínico desta terza feira na que avaliaron a situación epidemiolóxica.

Sobre a detección destes casos, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que non se pode falar de que porcentaxe representan porque "non hai capacidade de facer secuenciación a todos os positivos".

Por iso, puntualizou que eses 41 supoñen "casos confirmados" na Galiza que representan "casos acumulados confirmados", insistiu o titular de Sanidade.

Comesaña lembrou que os datos cos que contan as autoridades sanitarias establecen entre un 8% e 10% os casos desta cepa no Estado española.

Preguntado sobre as probas específicas para detectar casos desta cepa, Comesaña destacou que na Galiza hai tres áreas sanitarias que contan con "equipos para secuenciar, poder obxectivalas e ver outras variantes".

A presenza de novas variantes do coronavirus na Galiza revela a necesidade dun estudo sistemático dos casos positivos para coñecer o alcance destas mutacións. Expertos en análises clínicas confirman existencia de transmisión comunitaria e advirten a importancia de avanzar na secuenciación xenómica das mostras positivas para dispoñer dunha mellor trazabilidade dos casos.