Este 29 de xuño chegaron ao aeroporto de Santiago de Compostela, procedentes de Balears, 86 mozas e mozos cos seus monitores, que se atopaban en Mallorca gozando de viaxes de fin de curso (organizados pola súa conta). Todas e todos eles accederon a someterse ás probas PCR do coronavirus, que son voluntarias. Os resultados coñeceranse nas próximas horas.
Mentres, cando menos outra ducia de estudantes galegos permanecen confinados no hotel Bellver de Palma, segundo confirman fontes sanitarias de Balears, e permanecerán illados nesas instalacións, independentemente do resultado das súas probas PCR (algúns deles explicaron a Europa Press que o resultado foi negativo), até facer 10 días de corentena, por considerarse "contactos estreitos" de persoas contaxiadas ou vinculadas co macrosurto en Mallorca.
Aumentan os positivos
Por outra banda, a Consellaría de Sanidade informou de que son xa 108 os casos de Covid-19 na Galiza vinculados a ese surto das Balears, ao confirmarse nas últimas horas outros 6 contaxiados: trátase de 5 positivos de persoas na área sanitaria de Pontevedra (a máis afectada polos contaxios orixinados nas Illes) e outro máis na área de Vigo.
O Comité Clínico que asesora á Xunta na pandemia reúnese este 29 de xuño e non se descarta a adopción de medidas restritivas para mitigar as consecuencias que este surto poida ter en determinadas zonas. De feito, o propio presidente galego, Alberto Nuñez Feixoo, sinalou que, na pasada xornada, Pontevedra e Vigo rexistraron "taxas altísimas de positividade, de case dous díxitos, cando a Galiza estivo ao redor de 2%".
Respecto diso, o titular da Xunta incidiu en que o protocolo da pandemia está "vixente" e non quedou "derrogado", polo que, se algunha zona, municipio ou cidade alcanza os valores que así o determinan, seguirase o protocolo e endureceranse as restricións. "Aínda temos folgura e moito que subir, pero ninguén pode descartar que haxa restricións nalgún concello ou cidade se se dan os valores e o protocolo exixe unha restrición inmediata", advertiu.